A actividade levouse a cabo esta mañá na Praia de Portocelo, ata onde se achegou a concelleira de Educación, Marián Sanmartín
A educación ambiental é fundamental para achegar ás novas xeracións cales son os valores de sustentabilidade e coidado do medio ambiente que se tratan de aplicar nas políticas sociais e públicas.
En Marín temos unha xoia natural, que son as nosas praias, o noso mar… E ninguén mellor que os membros da Asociación de Pesca Deportiva Ría de Marín, que un ano máis organizaron unha xornada de educación ambiental cunha parte do alumnado do CEIP da Laxe.
A actividade, na que participaron 24 nenos e nenas e 15 adultos, fíxose co apoio do Plan Social de Ence e desenvolveuse na Praia de Portocelo, onde os pequenos fixeron unha recllida de lixo, a pesar de que neste momento as praias xa se atopan en moi bo estado pola propia limpeza contratada a nivel municipal para esta época do ano.
Ata o areal marinense desprazouse a concelleira de Educación, Marián Sanmartín, que felicitou aos rapaces e rapazas polo seu compromiso co medio ambiente, así como aos membros da asociación organizadora, “cos que sempre se pode contar como uns aliados boísimos para o coidado do noso entorno”.