A medida que van avanzando os traballos, a dirección de obra e o Concello tratan de resolver as dúbidas e as necesidades da veciñanza nun entorno coma este, onde a mellora da accesibilidade é clave
O concelleiro Pablo Novas, acompañado do persoal técnico municipal e da empresa encargada de executar as obras en Pedreiras de Abaixo, visitou recentemente a zona para analizar coa veciñanza algunhas peticións de cara á realización dos traballos, que suporán un antes e un despois para todo o barrio.
No proxecto figura, por unha banda, a renovación de todas as redes municipais de abastecemento e saneamento, así como o soterramento do alumeado público e a posta a punto do pavimento. Pero ademais, con esta intervención realízase “unha importante mellora na accesibilidade, que neste lugar, pola súa orografía, é un tema clave para nós”, explicou o edil.
De feito, unha das demandas atendidas nesta visita de obra foi o resultado final que terá unha das escaleiras que forman parte do barrio, á que se lle adecuarán os chanzos á altura esixida pola normativa actual en materia de accesibilidade e na que se creará un descanso a medio camiño para que as persoas de máis idade poidan utilizala con algo máis de comodidade.
Esta obra está financiada dentro do Plan Máis Provincia da Deputación de Pontevedra, cunha inversión total de 237.700 euros e pola súa complexidade aínda ten por diante varios meses de execución, “pero estamos a traballar a bo ritmo e xa se comezan ver algúns avances”, indicou Novas.