“Mentres o Goberno local durme as persoas usuarias seguen sen ser atendidas e a bolsa de horas aumenta” denuncian
O Partido Popular de Cangas do Morrazo, critica o retraso do goberno municipal na presentación do novo contrato do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) xa que en xullo rematou a prórroga establecida por contrato. “Levan un ano enredando e precarizando un servizo esencial que está dirixido a persoas
vulnerables” explican. “Non hai servizo municipal que sobreviva á deriva de desgoberno na que teñen sumido o noso municipio” lamentan.
Desde o grupo municipal expresan a profunda preocupación ante esta situación e recordan que é algo que xa se viviu no anterior mandato con este mesmo servizo. “Non aprendemos dos errores” sinalan. “É un novo e claro exemplo da falta de xestión e da improvisación do actual equipo de goberno” afirman á vez que indican que é algo que está a afectar directamente á veciñanza usuaria deste servizo, xerando incerteza e malestar nas familias. “Nós xa levamos este tema ao Pleno da Corporación anticipando o que ía a ocorrer e lamentablemente o tempo rematou por darnos a razón” recordan.
“Queda evidencia unha vez máis que o que nos dixeron entón foron promesas baleiras. Non fixeron nada do que se comprometeron” insisten. «É inadmisible que un contrato tan crucial como o do SAF, do que dependen tantas persoas en situación de vulnerabilidade, estea a sufrir atrasos inxustificados.
Esta tardanza non só reflicte unha falta de planificación, senón tamén unha xestión ineficaz por parte do goberno local, que está a poñer en risco o benestar dos nosos cidadáns máis necesitados», afirman.
O PP tamén criticou a falta de atención e compromiso por parte da concelleira de Benestar Social, Leonor Gala, do Bloque Nacionalista Galego (BNG). Segundo o PP, Gala non só amosou unha preocupante pasividade ante a urxencia de resolver esta situación, senón que ademais ignorou as reiteradas demandas dos usuarios do SAF, que se atopan co problema engadido dunha bolsa de horas que non poden utilizar. «É lamentable que os usuarios non poidan facer uso das horas de servizo que lles corresponden, mentres o Concello segue sen resolver a situación. A falta de resposta da concelleira Leonor Gala é inaceptable», engaden de de o PP.
O PP exixe ao goberno liderado pola nacionalista Araceli Gestido que por responsabilidade actúe dunha vez, presentando de maneira inmediata o contrato SAF, solucionando os problemas relacionados coa bolsa de horas, e atendendo ás demandas das persoas usuarias para garantir que todos os servizos esenciais se presten coa calidade e puntualidade que a cidadanía de Cangas merece. “Iso é gobernar” rematan.