Para axudar ao mantemento físico nestes días de confinamento, os monitores deportivos
do Concello de Bueu están realizando diversos vídeos que a cidadanía poderá ver na
canle de Youtube municipal e que atenden a varias disciplinas. Segundo salienta o
concelleiro de deportes, Ricardo Verde, “o obxectivo é contribuír a este confinamento
ofrecendo alternativas para que as persoas que o desexen poidan facer deporte de forma
sinxela nas súas casas”.
Ata o de agora, na canle audiovisual municipal xa están publicados catro vídeos: dúas
de sesións de aerobic con María Piñeiro, un de ximnasia de forza e resistencia con Juan
R. Martínez e outro de Pilates con Gonzalo Fernández.
O Concello de Bueu pretende continuar co fomento de hábitos saudables, un programa
que reúne anualmente a preto de cincocentas persoas de todas as idades. En marzo, as
ximnasias de mantemento tiveron que suspenderse, debido á alerta sanitaria e dende o
goberno local avanzan que seguramente ata o próximo curso non comezarán de novo.
Ante isto, e para que o deporte non pare, a alternativa son estes vídeos, dos que se irán
publicando máis propostas nos próximos días, na canle de Youtube. Así mesmo, o edil
da área apunta que os monitores manteñen contacto telemático coas persoas usuarias das
ximnasias, en especial coas de matroximnasia e prenatal.
Aproveitando a boa acollida que están tendo os vídeos, o Concello de Bueu relanzará a
súa canle de Youtube para que a partir de agora se poidan compartir contidos de interese
a través dos cales a cidadanía teña coñecemento de diversos ámbitos: cultura, deporte,
medio ambiente, turismo…