O transporte de ría entre Vigo e as vilas de Cangas e de Moaña representa o 40% do total de viaxes bonificadas da área de Vigo. Así o manifestou esta mañá a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, nun acto no que propuxo un novo convenio do Plan de transporte metropolitano de Vigo, que desde a súa posta en marcha no ano 2015, permitiu que 94.000 veciños aforrasen case 9 millóns de euros nos seus desprazamentos.
Vázquez indicou que o obxectivo é poder asinar o novo convenio entre a Xunta e
os 12 concellos, con condicións similares ao actualmente vixente, cara a mediados de decembro.
Detallou que ata a chegada da pandemia, que supuxo restricións de mobilidade, o uso do transporte público rexistrou un incremento de máis do 21%, asociado á posta en marcha do Plan de Transporte Metropolitano de Vigo. Concretou que no ano 2016 se realizaron case 2,7 millóns de viaxes bonificadas dentro do Plan e no 2019 se acadou a cifra de 3,2 millóns.