En febreiro chegaron as 9 biotrituradoras que a Mancomunidade do Morrazo conseguiu grazas a unha subvención da Xunta de Galicia. Desde entón os tres concellos que a compoñen, Cangas, Moaña e Bueu, estiveron traballando en preparar as bases de préstamo, que onte foron aprobadas inicialmente na Xunta de Goberno e que agora, para a súa aplicación real, deberán ser publicadas no BOPPO proximamente.
Con estas máquinas, a Mancomunidade pretende fomentar unha correcta xestión dos residuos de orixe vexetal xerados no ámbito municipal, contribuíndo así a evitar que estes residuos rematen no circuíto de recollida do lixo, co conseguinte custe asociado a danos materiais e de xestión.
Ademáis, tratan de obter un produto de valor engadido para o programa de compostaxe da Mancomunidade de Concellos de Morrazo, no que pode ser empregado como estruturante, ou incluso como material de alcolchado para horta e xardín.
Axudando este sistema a reducir o número de queimas, minimizando riscos de incendio e contaminación ambiental.
¿Quén pode reservarlas?
Poderán ser persoas usuarias do servizo mancomunado de préstamo de biotrituradoras, todas as persoas maiores de idade, con domicilio nos concellos da Mancomunidade e que se atopen ao corrente nas súas obrigas tributarias coa Mancomunidade, mediante a presentación no momento da solicitude dun xustificante de ter abonado o recibo da taxa da recollida do lixo da Mancomunidade. As persoas solicitantes serán persoas físicas e o emprego das biotrituradoras será sempre no ámbito privado domiciliario, non podendo ser utilizado o material con ánimo de lucro.
Para reservarlas o usuario deberá presentar a solicitude mediante o impreso de solicitude por medios telemáticos, vía cuestionario online na páxina web de cada concello ou vía correo electrónico facilitado para tal uso, ou ben presentando o impreso de maneira presencial nas dependencias municipais. A persoa solicitante deberá entregar xunto coa solicitude un xustificante de ter abonado o recibo da taxa de lixo.
Os impresos de solicitude estarán dispoñibles para a súa descarga nas páxinas webs dos Concellos e da Mancomunidade ou de maneira presencial nas dependencias municipais.
Para recoller a biotrituradora a persoa usuaria deberá poñerse en contacto alomenos cun día de antelación e comunicar o día e a hora na que se efectuará a retirada. O horario do servizo será de luns a venres de 09:00 a 14:00 h.
O uso da maquinaria só está permitido dentro dos límites da Mancomunidade de Concellos do Morrazo.
Condicións do préstamo
O sistema está composto por biotrituradoras ubicadas nas dependencias dos tres Concellos que constitúen a Mancomunidade, onde serán recollidas polas persoas usuarias cos seus propios medios. Unha vez rematado o prazo de préstamo, as biotrituradoras serán devoltas ao mesmo lugar.
A persoa encargada de facer aentrega e estar presente na recollida das biotrituradoras, dentro das dependencias municipais, será a Mestra Composteira Municipal ou, en ausencia desta, a persoa designada por cada Concello. A Técnica municipal ou persoa designada levará a cabo a revisión técnica e despois de asegurarse de que a maquinaria se atopa en óptimo estado, procederá a gardar a trituradora no lugar indicado para o seu almacenamento. Así mesmo, cando a persoa usuaria detecte algún desperfecto ou algún fallo técnico na maquinaria deberá comunicarse telefonicamente co Concello.
A mestra composteira ou a persoa designada polo concello será a encargada de explicar o funcionamento aos usuarios no momento da entrega das biotrituradoras.