Os veciños da rúa do Areeiro, na baixada á praia de Santa Marta, en Cangas, pasaron 24 horas co corazón nun puño. Temían que o poste situado entre os números 7 e 14 deste vial acabase provocando un accidente grave ben a eles o a calquera que pasase pola rúa.
Xa o pasado domingo notaron como a columna de madeira tumbouse un pouco pero cando se levantaron o luns estaba completamente caída sobre o tendido situado na cera de en fronte, sobre as casas, ao ser a rúa máis estreita que a altura da propia viga. Non sabían se se trataba dun poste eléctrico ou de telefonía, polo que decidiron chamar á Policía Local para advertirlle da situación e do seu perigo xa que este vial é, no verán, moi concorrido porque dá acceso ao areal de Santa Marta. Os axentes deron parte ao 112 pero, segundo informan os veciños, «ninguén apareceu por alí», explican. Novamente chamaron a emerxencias pero dixeronlles que non era prioritario. «Os propios veciños decidimos apuntoalo ao ver o seu perigo e que ninguén viña arranxalo», indican.
A media tarde de onte luns, volveron advertir á Policía Local de que a situación continuaba igual e foron os propios axentes quen realizou a xestión oportuna e hoxe pola mañá os técnicos da empresa de telefonía acudiron a arranxalo.