Mañá e pasado o persoal técnico realizará unha xornada informativa e un reparto de compost entre a veciñanza participante na iniciativa
Os centros de compostaxe comunitaria (CCC) de A Cañota e O Sequelo do Plan
Revitaliza no concello de Marín, que comezaron a funcionar os meses de xullo e
agosto, xa levan tratado once toneladas de biorresiduos da veciñanza (fracción
orgánica e restos vexetais). Para celebralo as mestras e mestres composteiros
realizarán mañá e pasado un reparto de compost entre todas as persoas
participantes na iniciativa.
Segundo o persoal técnico que leva o seguimento e control dos dous CCC,
ambos composteiros están funcionando de maneira moi positiva, cunha alta
participación e con apenas impropios (lixo non orgánico). Para amosar a calidade
do compost, entregarase ás persoas que se acheguen o produto resultante de
transformar os residuos orgánicos que saen de cada casa nun fertilizante para as
plantas. A xornada informativa –aproveitarase para divulgar sobre compostaxe- e
o reparto de compost reallizarase mañá en O Sequelo entre as 12 e as 14 horas,
e o venres 27 no mesmo horario nas inmediacións do CCC de A Cañota.
Hai que lembrar que as persoas que participan na compostaxe dos CCC de O
Sequelo e A Cañota son veciñas e veciños que viven a menos de 150 metros do
composteiro ou usuarias da horta urbana do Sequelo. Dende antes do verán tanto
o persoal do Revitaliza como do departamento de Medio Ambiente do Concello de
Marín foi contactando coa veciñanza para informar de como compostar e como
poñer en marcha os composteiros, xa que a estrea coincidiu coa ‘desescalada’ do
primeiro confinamento na actual crise sanitaria da COVID-19.
Coa instalación destes dous centros de compostaxe comunitaria Marín
incorporouse ao grupo dos chamados ‘Concellos Revitaliza’, facendo que a
totalidade dos municipios da comarca do Morrazo estean involucrados no plan
provincial da Deputación. Nestes momentos, tanto o concello de Bueu, como o
de Cangas, Moaña e Vilaboa teñen xa un importante número de composteiros
comunitarios e de composteiros individuais instalados. De feito, este último
concello está nunha fase moi avanzada de implantación do plan, sendo dos
pioneiros da provincia.
A intención da Deputación e do Concello de Marín ao instalar o centro de
compostaxe comunitaria é tratar no mesmo lugar no que se producen –o que se denomina tratamento ‘en proximidade’- os biorresiduos de varias ducias de
veciños e veciñas e de produtor singulares de lixo, e así evitar que vaian ao
colector verde tradicional, teñan que ser recollidos polo camión e transportados a
Sogama para a súa incineración, co custe ambiental e económico que iso supón.