Xornada youtubeira no IES as Barxas para dinamizar a sétima edición dos Premios Youtubeiras, cuxo prazo está aberto ata o 17 de novembro
O Proxecto Youtubeiras é un proxecto no que participa o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Moaña, xunto con outros nove SNL de concellos, a Deputación da Coruña e as tres universidades galegas co obxectivo de incrementar os vídeos en galego no Youtube e vai dirixido especialmente á mocidade. Pódese ver máis información en youtubeiras.gal.
Para dar a coñecer este proxecto e que a mocidade se anime a crear Youtube en galego, a Concellaría de Normalización Lingüística de Moaña organizou o venres 3 de novembro unhas xornadas formativas entre o alumnado de 4º de ESO do instituto das Barxas para coñecer o que xa existe en galego no Youtube, poidan seguir estes contidos no futuro e que se animen a xerar as súas propias creacións na Rede.
Estas xornadas, estiveron dinamizadas por dúas persoas premiadas en edicións anteriores e que poden ser uns referentes e uns estímulos creativos para o alumnado participante:
María Rúa (@pradorua ) é unha creadora de contido audiovisual en galego no que reflicte a súa personalidade e os seus gustos. Polo tanto, ten un contido variado: política, moda, educación, humor, cultura etc. Atópase fundamentalmente en TikTok, Instagram e YouTube. Recibiu o Premio á youtubeira revelación na edición dos Premios Youtubeiras 2020.
Tamén presentou O gran reto, unha serie web en formato vlog onde unha persoa castelanfalante entra nun proceso de inmersión lingüística cara a unha posible transición ao noso idioma. É unha das acción da campaña É túa. Pásaa! de Alingua que se desenvolveu neste ano e na cal tamén colabora o Concello de Moaña.
Nuria Espasandín é o 50% de Toxío, xa que comparte esta canle con Sergio Casal. Toxío é un espazo de creación no que falan sobre todo de viaxes, linguas, dereitos humanos e veganismo. Recibiron o Premio á mellor canle na edición dos Premios Youtubeiras 2022.
Tanto María como Nuria falaranlle á mocidade participante sobre as motivacións que teñen para seren creadoras de Youtube en galego, sobre a súa experiencia nos Premios Youtubeiras nas edicións pasadas e responderán as preguntas que o alumnado lles faga.