Unha subvención da Xunta concedida ao Padroado de Beiramar permitirá a posta en marcha do obradoiro Moaña Labora V que permitirá a 20 persoas formarse para atopar un emprego. Este consta de duas especialidades, unha dirixida á atención e coidado de persoas dependentes e discapacitadas e outra enfocada ao traballo forestal. Cada un deles para un máximo de 10 alumn@ s por grupo maiores de 18 anos.
O obradoiro «Servizo de programa de respiro de coidadores de dependentes e discapacitados» está centrado na atención sociosanitaria a persoas dependentes, por unha banda nos seus domicilios e por outra banda nunha institución social. Nos domicilios, o alumnado traballador prestará servizos de coidado, acompañamento e asistencia a persoas dependentes ou discapacitadas, liberando durante ese día á persoa coidadora habitual. Na institución social colaborarán co persoal propio da institución na atención e coidado á dependencia.
No de traballo forestal impartiranse 2 certificados de profesionalidade; Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes AGAR0309 e repoboacións forestais e tratamentos silvícolas AGAR0208.
Os principais proxectos a desenvolver por este alumnado serán a renovación e mellora dos roteiros de sendeirismo dos ríos da Fraga e da Freixa, así como varios traballos en colaboración coas comunidades de montes.
O proxecto conta cun orzamento total de 371.951 euros, 346.946,00 aportados pola Xunta y 25.005 polo Concello.
O persoal alumnado traballador terá un contrato de traballo para a formación e percibirá un salario equivalente ao 150% do salario mínimo durante os 9 meses do obradoiro.
Durante os meses de setembro e outubro o Patronato realizará a selección das 20 persoas que participarán como alumnado . As persoas interesadas deben anotarse na oficina de emprego de Cangas co código de demandantes de obradoiros de emprego.
Tamén se realizará nestes meses a selección do persoal directivo e docente responsable do proxecto.