A sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra condenou a vinte anos de cárcere un home de 40 anos por violar unha septuaxenaria en Bueu en marzo de 2017. O tribunal, que o considerou culpable de delitos de agresión sexual, lesións e roubo con violencia, tamén lle impuxo dez anos de liberdade vixiada e a prohibición, durante o mesmo período, de se comunicar e aproximar á vítima. Os xuíces destacan que o acusado “coñecía perfectamente a casa da afectada”, xa que realizara traballos de albanelería nela.  

Os maxistrados relatan na sentenza que o sospeitoso, tras fracturar de madrugada os cristais e barrotes de aluminio das portas do inmoble, accedeu ao seu interior ata chegar ao dormitorio da vítima, que vivía soa e estaba a durmir. Para evitar ser identificado, segundo consta na resolución, vestía roupa escura e cubría a súa cara cun pasamontañas.

Tras acender a luz do dormitorio e sorprender á muller, quen intentou sacarlle o pasamontañas, empurrouna cara a atrás, losqueouna, sacoulle pola forza o pixama, a  amordazouna con cinta illante ao redor da cabeza e da boca, tapoulle a cara coa roupa da cama e atoulle con cordas as mans cara a atrás e os nocellos a cada un dos lados da cama. A continuación, violouna.  

O condenado colleu unha botella de viño e, tras vertela na saba baixeira da cama, limpou cun anaco dela os xenitais da vítima coa intención de eliminar calquera vestixio ou resto biolóxico. Aproveitando o estado en que se atopaba a muller, os xuíces consideran acreditado que revolveu o seu bolso e os armarios, dos cales subtraeu 1.250 euros. Antes de fuxir, para evitar que a afectada pedise auxilio, tirou o seu teléfono móbil ao lixo.  

O tribunal destaca que, ademais do ADN do acusado atopado no lugar dos feitos, tamén se situou o seu teléfono nas inmediacións da casa da vítima á hora de ocorrer a agresión. Ademais, subliña que a declaración da denunciante foi “veraz, crible e sen contradicións”.  

O axente da Garda Civil que instruíu o atestado afirmou que a investigación se iniciou no mes de xullo de 2016, ao ser denunciada unha violación por parte da  exparella do irmán do acusado. En setembro dese ano, a muller do seu irmán, coa que estaba en trámites de divorcio, tamén denunciou unha violación en Cangas. A investigación continuou en marzo de 2017 coa agresión sexual dunha muller de 75 anos na mesma zona. O garda civil destacou que nos tres casos “dábase o mesmo modus operandi” e que nos dous primeiros o vínculo era que ambas vítimas foran parellas do irmán do acusado. 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *