O Concello de Vilaboa ven de contratar o Plan de Igualdade e Protocolo de acoso e máis o Plan de Igualdade para a cidadanía, documento que poderá redactarse trala concesión dunha subvención da Deputación Provincial que permitirá ao executivo local ampliar a partida orzamentaria prevista para este fin.
A concelleira de Igualdade, Carmen Gallego, convocará nos vindeiros días aos diferentes colectivos locais para que participen de xeito activo na elaboración do Plan de Igualdade de Oportunidades de homes e mulleres en Vilaboa, un documento que marcará as directrices a seguir polo Concello para eliminar as desigualdades existentes e facilitar a promoción de oportunidades de trato de mulleres e homes do municipio, ao igual que a prevención e eliminación das violencias machistas.
Este plan partirá nunha primeira fase da elaboración dun diagnóstico sociodemográfico desde unha perspectiva de xénero que visibilizará os posibles desequilibrios existentes entre homes e mulleres, situación que se plasmará nun documento de traballo que permita ao Concello intervir no territorio desde criterios adecuados á realidade local. A segunda fase centrarase xa no deseño do Plan de Igualdade coas intervencións municipais a desenvolver nesta materia.
Paralelamente a este documento o Concello contratou o Protocolo de prevención do acoso laboral e sexual na administración local, dando cumprimento ao acordo do pleno da Corporación.
O primeiro obxectivo deste traballo é identificar os potenciais problemas neste campo e establecer os ámbitos prioritarios de actuación; a transparencia na aplicación dos orzamentos en materia salarial; detectar as necesidades de formación e de desenvolvemento profesional do persoal municipal e as posibles discriminacións indirectas a través da Relación de Postos de Traballo.
Unha vez rematado este estudo constituirase no Concello a Comisión de Igualdade coa finalidade de deseñar as accións para corrixir os posibles desequilibrios detectados e as accións para prever futuras desigualdades.