De Vacas é o prato forte dun cartel que conta con musica, humor, circo e o festival Canteira Fest
Vilaboa recupera con cautela a normalidade cultural cun programa para este verán que arrancará o vindeiro venres 13 de agosto e se prolongará ata o 25 de setembro. Inclúe oito espectáculos ao aire libre noutros tantos escenarios do municipio, descentralizando a oferta cultural e achegándoa ás parroquias.
Cine na rúa, espectáculos de circo e cómicos, un festival e o concerto que ofrecerá De Vacas o 10 de setembro no adro das festas de Santa Cristina de Cobres serán as distintas propostas das que gozará este verán a veciñanza de Vilaboa.
O porto de San Adrián acollerá a primeira actividade cultural. Será a proxección da película “Cuñados”, protagonizada por Xosé Antonio Touriñán, Miguel de Lira, Federico Pérez e Eva Fernández, poderá verse a partir das 22.00 horas de xeito totalmente gratuito. A seguinte cita será o 28 de agosto ás 19.00 horas con Kote Malabar na Praza do Alcouce en Figueirido cun espectáculo de circo de rúa, teatro, malabares e humor.
Tamén dentro do programa Cultura no Camiño está a proposta do domingo 29 de agosto no local social de Postemirón, que acollerá “Titiricircus”, unha lembranza festiva e fantástica do grande circo de carpa alta e bicolor. O 4 de setembro o verán cultural trasládase a Bértola para representar no adro da festa “unha terapia de choque”, un espectáculo de circo “terroríficamente divertido”.
O domingo día 5 a Praza do Concello no Toural acollerá ás 19.00 horas o espectáculo “Saaaabor!” que mistura música, maxia e humor. O venres 10 de setembro chega o prato forte do programa con De Vacas, que ofrecerá un concerto no adro das festas de Santa Cristina de Cobres ás 21.00 horas.
A fin de semana do 17 e 18 de setembro Paredes acollerá o Festival Canteira Fest coa participación de O gato de Cheshire, Zeltie Irevire, Verto, Pauliña, Bravatukas, Migallas, A Rabela, Cuarta xusta, Lisdexia e Paula Docampo.
O programa remata o sábado 25 de setembro na casa de cultura de Riomaior co espectáculo de maxia “Le Cirque”.