O goberno local de Vilaboa esixe á Xunta que dote o orzamento autonómico para 2024 de partida suficiente para acometer os traballos de reforma do porto de San Adrián. Insta á Portos de Galicia a ter os cartos suficientes para iniciar os traballos no momento en que teña o expediente completo e pídelle que non busque excusas nin se escude na falla dun informe sectorial para condear á flota local a un ano máis de retrasos.
O alcalde de Vilaboa, César Poza, solicitou á Dirección General de Costas a axilización do informe sectorial solicitado pola administración autonómica para engadir ao proxecto de remodelación do porto de San Adrián. Poza trasladoulle esta premura ao xefe do Servizo Provincial de Costas na última xuntanza mantida para abordar a ampliación da senda nas Salinas de Ulló.
O goberno local confía polo tanto en que a Dirección General de Costas priorice a elaboración do mencionado informe de xeito que en cuestión de meses esté a disposición da Xunta, motivo polo cal considera inaceptable que o goberno autonómico non teña dotado ao proxecto do porto de San Adrián de partida orzamentaria suficiente, botando balóns fora e culpando a outra administración do seu desinterese por executar un proxecto amplamente demandado e esperado tanto pola flota da ría de Vigo como pola veciñanza de Vilaboa.
O goberno local pregúntase cal será o argumento que esgrimirá a Xunta cando chegue o informe sectorial de Costas e careza de partida para iniciar os traballos. “Nós tivemos que esperar casi un ano para que nos recibira a conselleira e falar da PO-264, en Paredes. Deben pensar que o resto das administracións xestionan os tempos igual que eles”, apuntan desde o goberno local.
Por elo, o alcalde de Vilaboa solicita á Xunta que modifique os orzamentos incluíndo partida suficiente para iniciar a reforma do porto de San Adrián no ano 2024 evitando así novos retrasos. “Desde Vilaboa pedímoslle á Xunta que teña os cartos preparados para licitar a obra no momento que chegue o informe”, e engaden que a reforma do porto de San Adrián e o de Santa Cristina precisan unha partida de 3.000.000 de euros. “Que se preocupen menos do que está en mans do goberno central e que se preocupen de ter todo a punto para executar os traballos”.