Trátase de unha obra de gran complexidade técnica e con catro administracións implicadas na que ten que cruzar a N-550, as vías do tren e o río Tomeza
A auga é o elemento vertebrador do futuro desenvolvemento de Vilaboa ao tratarse dun servizo básico sobre o que se sustenta o crecemento de vivendas e actividade industrial do municipio. Por elo, o Concello vai tecendo unha rede municipal para achegar a auga a aqueles lugares que carecen de captación propia.
Unha vez rematada a primeira fase do proxecto municipal de abastecemento de auga o Concello de Vilaboa licita agora a execución dunha nova condución entre o lugar da Rialiña, comezando no punto de conexión coa rede existente, ata a Escola de Educación Infantil de Bértola, en Santa Marta que funcionará como rede principal desta parroquia e deixará as conexións necesarias para a continuidade futura cara outros lugares. O Concello de Vilaboa investirá 100.000 euros á construcción deste tramo da rede de abastecemento municipal.
No trazado da rede primaria proxectouse un ramal no núcleo da Rialiña para acercar o servizo a esta zona, na que as vivendas se abastecen de pozos particulares e depósitos veciñais. A auga vaise suministrar desde o depósito das Croas, de 1.750 metros cúbicos, executado recentemente por Acuaes, Aguas de las Cuencas de España e o proxecto reviste certa complexidade ao incluir unha perforación horizontal para atravesar a N-550 e posteriormente executar un sistema de soporte e grapado da tubaxe á ponte para cruzar as vías do tren. Esta mesma solución técnica aplicarase para cruzar o río Tomeza.
O Concello de Vilaboa tivo que coordinar a actuación con outras catro administracións xa que ten afeccións do Ministerio de Fomento, ao cruzar unha estrada nacional; da Deputación de Pontevedra, xa que a tubaxe discurre pola beira da estrada provincial EP-0105 para cruzar as vías do tren; co ADIF, xa que a tubería vai ir polo vial paralelo á vía e de Augas de Galicia, ao cruzar o río.
A dotación de auga a todas as parroquias de Vilaboa está na folla de ruta de César Poza, alcalde de Vilaboa, que pide aos veciños e veciñas “paciencia”, xa que levar este servizo a un municipio tan disperso como Vilaboa non é só cuestión de orzamento. “Sabemos que a auga é básica e de cara ao noso proxecto de desenvolvemento é clave, pero sacar adiante un pequeno tramo como este que licitamos agora encerra a tramitación dun expediente complexo e que se demora no tempo, ao ter que contar coa conformidade de tantos organismos”. Con todo, César Poza insiste: “A auga é unha prioridade”.