Unha das cunetas revestida en pedra.

A obra inclúe melloras no pavimento, instalación de balizamento e o revestimento con pedra rústica das cunetas

O Concello de Vilaboa mellora a actuación prevista no vial que une O Toural co Picho cunha nova partida de 10.000 euros que se destinarán á dotación dun pavimento compactado nun tramo de 525 metros, así como á colocación de 12 balizas cunha visibilidade de 360 grados para mellorar a seguridade da
circulación e máis ao revestimento con pedra rústica en varios tramos de cunetas. Deste xeito o vial contará cunha senda perfectamente delimitada e visible.

Esta nova actuación confirma a aposta do Concello de Vilaboa de converter a zona de O Toural no núcleo de centralidade, xa que concentra todos os servizos administrativos, sanitarios e educativos e acollerá tamén o futuro tanatorio que impulsan os comuneiros.

As melloras recén contratadas completan o proxecto xa licitado o pasado verán para este mesmo vial e que conta cun orzamento de 83.256,68 que recolle a renovación e mellora do firme e tamén elementos de humanización en todo o trazado do vial que favorezan o seu uso por parte dos peóns xa que carece na actualidade de espazo destinado ao tránsito peonil e elementos de calmado de tráfico. A actuación mantén os actuais límites do vial pero reserva un espazo pintado con slurry, cun ancho variable, reservado para os peóns. No futuro, tras xestionar as cesións oportunas, a intención do Concello é ampliar esta zona para lograr un ancho óptimo para o paso peonil.

A obra inclúe tamén a dotación de badéns que estarán debidamente sinalizados, o repintado de todo o camiño e a instalación de iluminación led.

O alcalde de Vilaboa, César Poza, destaca que o futuro do municipio pasa polo desenvolvemento dun área industrial e a aposta por chan residencial partindo dun núcleo central que é O Toural. «A mellora deste camiño está enmarcada nese ambicioso proxecto», destacou, pois «O Toural ten que ter unha rede viaria en condicións, que facilite o tráfico rodado pero sen esquecer aos veciños». «Vai ser o noso núcleo de referencia e iso ten que apreciarse tamén na estética, por iso esta actuación presta atención a diversos elementos humanizadores da contorna», engadiu.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *