O alcalde, César Poza, supervisou coa asociación a rede de saneamento para identificar os erros e solventalos antes da chegada do inverno
Evitar os verquidos ao río Gafos derivados de fallos ou filtracións na rede de saneamento. Ese é o obxectivo do Concello de Vilaboa para este inverno e o motivo da inspección realizada polo alcalde, César Poza, acompañado por membros da asociación Vaipolorío.
Tras unha inspección minuciosa da rede xeral e máis dos colectores secundarios, detectaronse filtracións que serán correxidas polo Concello de Vilaboa. Entre as labores preventivas que vai levar a cabo o goberno local de Vilaboa está tamén a limpeza das canalizacións e a instalación dalgún pozo decantador que evite os verquidos. A maiores, César Poza comprometeuse a estudar tamén investimentos no río, como recuperar algunha canle ou restaurar o muiño do Toxal.
“Antes de que chegue o inverno temos que programar unha serie de actuacións necesarias para evitar que o desbordamento dos colectores danen o cauce do río. Vaipolorío é un colectivo sempre moi pendente da saúde do Gafos e nesta inspección escoitei as súas suxestións, como a conveniencia de restaurar o muíño do Toxal que atenderemos na medida das nosas posibilidades”, explica César Poza, que insiste en que a prioridade para Vilaboa é garantir o bo funcionamento dos colectores para preservar a calidade das augas do Gafos, a súa flora e a súa fauna.