Pedro Feijoo, María Solar, David Gago, Olaia Sendón ou Alba Tomé son alguns dos protagonistas destas xornadas de celebración das Letras Galegas
O Concello de Marín presenta o programa completo de ‘Vila das Letras’, o evento literario que entre os días 15 e 17 de maio converterá a Alameda Rosalía de Castro do municipio nun gran punto de encontro arredor da literatura galega, a lectura e a escrita.
Co lema As letras cobran vida, a programación combina encontros con autoras e autores, obradoiros de escrita creativa, contacontos, música tradicional e actividades para toda a familia, nunha proposta aberta, gratuíta e participativa.
A concelleira de Cultura, Marián Sanmartín, e a directora da biofábrica de Ence, Esther Couceiro, presentaron xunto coa Libraría Nobel e a Asociación Intercambio do Saber a programación completa do evento, que sufre un pequeno retraso nos horarios para compatibilizarse coa inauguración do Auditorio. Sanmartín recorda que esta é “unha aposta clara por ter un espazo literario na vila nunha fin de semana tan clave como é o das Letras Galegas, traendo a autores, tengo conversas e con propostas para todo tipo de idades”.
Couceiro pola súa parte asegurou que con esta data “celébrase a palabra, a literatura, a educación e é un exemplo de como a cultura pode ser un motor de desenvolvemento e orgullo local”.
Tres días de literatura, música e encontros
O venres 15 de maio arrincará a programación ás 18.00 horas co contacontos familiar O Carballo con Botas, a cargo de Anxo Moure no espazo infantil da Alameda. Á tarde, ás 19.30 horas, o escritor marinense David Gago protagonizará un percorrido pola súa obra en conversa co especialista en cultura pop Miguel González. Para pechar a noite, ás 20.30 horas, Pedro Feijoo falará da súa traxectoria co xornalista Ramón Mella, con firma de exemplares ao rematar, e ás 22.00 horas os Saljariteiros ofrecerán unha actuación.
O sábado 16 de maio comezará ás 10.00 horas no Museo Torres coa primeira sesión do obradoiro de escrita creativa para adultos conducido por Elena Gallego Abad, Rachando titulares na era da desinformación: novas, bulos e creación literaria, baseado na obra narrativa e no traballo xornalístico de Begoña Caamaño.
As prazas son limitadas (máximo 15) e require inscrición previa en alcaldia@concellodemarin.es. Ás 11.00 horas, o espazo infantil da Alameda acollerá o obradoiro Fai a túa páxina de papel, con Eulogio Rosales, aberto a toda a familia.
Ás 12.00 horas, a Biblioteca Vidal Pazos acollerá o contacontos infantil A tecedora de historias, de Suricata Teatro, mentres que na alameda Alba Tomé presentará As humidades, finalista do Premio Illa Nova de Narrativa, en conversa coa xornalista Chus Gómez Dorrego. Ás 13.00 horas, Olaia Sendón presentará Tras da mirada de José Suárez, acompañada por Carolina Sertal, cunha instalación do proxecto Perpetuando que permitirá á cidadanía xogar a recrear algunhas das fotografías máis icónicas do artista.
A tarde do sábado continuará coa segunda sesión do obradoiro de Elena Gallego Abad ás 16.00 horas no Museo Torres. Ás 18.00 horas, o espazo infantil da Alameda acollerá o contacontos La vida que se da, con Claudia Prado, acompañado dun obradoiro de elaboración de tartarugas para nenas e nenos de 4 a 9 anos (máximo 20 participantes, con presenza obrigatoria dun adulto). Ás 19.00 horas, María Solar presentará As malas ideas en conversa coa escritora Elena Gallego. O evento pecharase ás 20.30 horas coa actuación de Nelson Quinteiro, Máis Cantos – Letras Galegas no corazón do canto!
O 17 de maio será o día grande das Letras Galegas. Durante toda a xornada, de 11.00 a 20.00 horas, a Alameda acollerá tamén a Feira do Libro usado Unha dorna de libros, un mar de ilusión, organizada pola Asociación de Mulleres Intercambio do Saber.
Ás 11.00 horas, a ilustradora Chus Rojo conducirá o obradoiro Ilustra a túa páxina de papel para nenos e nenas de 7 a 12 anos (máximo 20 participantes). Ás 12.00 horas terá lugar o acto institucional polo Día das Letras Galegas, coa entrega do Premio de Poesía do Concello de Marín, e ás 12.30 horas un obradoiro con performance de radio para achegar á cativada á vida de Begoña Caamaño, con reparto de exemplares de Begoñísima, da autora local Andrea Nunes Brión. Ás 18.00 horas, Trémola Teatro ofrecerá o contacontos As letras que voan con nome de muller, financiado a través do programa Ler Conta Moito da Xunta de Galicia. O peche institucional chegará ás 19.00 horas co concerto da Banda de Música de Marín e a tradicional queimada popular.
Toda a programación é de balde. En caso de chuvia, as actividades ao aire libre trasladaranse ao Museo Torres ou á Biblioteca.
O evento está patrocinado polo Plan Social de Ence e organizado polo Concello de Marín.

