O salón de plenos do Concello de Cangas converteuse durante uns minutos nunha obra de teatro onde o final xa era previsto pero na que non se sabía moi ben a interpretación que ían ter cada un dos actores. Os primeiros en desaparecer da escena foron os membros de Avante!, que se marcharon da sesión antes de empezar ao considerar que o asunto non merecía dun pleno extraordinario. E é que o monotema foi a solicitude, por parte do PP, da dimisión da Alcaldesa. Unha cuestión que tamén se repetirá na sesión ordinaria prevista unha hora despois e que se está desenvolvendo neste momento onde tanto BNG como Avante! teñen rexistradas dúas mocións para pedir responsabilidades polo asunto praia de Rodeira. Outro dos actores que non se esperaba e que, con todo, si apareceu en escena foi o edil de ACE, Adrián Pena, de baixa desde hai xa algún tempo.

Unha vez sentados todos os que quixeron quedar, o debate arrincou coa intervención das popular Dolores Hermelo, encargada de defender a petición de dimisión alegando falta de información no expediente de Rodeira e implicación nos feitos, ademais dos edís socialistas xa cesados, da Alcaldesa, Vitoria Portas, e do concelleiro de Facenda, Mariano Abalo, por autorizar o pago da factura da maquinaria. Con todo, a bancada da esquerda non se sumou á proposta do PP e decidiu absterse na votación.

Os edís do PSdeG, xa fose do goberno local e azoute de Portas desde que lles cesou ata o punto de pedir en reiteradas ocasións a súa dimisión, sorprenderon con esta abstención que se contradi co seu discurso anterior. «Parece que matamos a Manolete», dixo como defensa o portavoz do grupo socialista, Eugenio González.

Pola súa banda, ACE, decidiu non entrar en votación (aínda que se considera tamén abstención en canto ao reconto do voto). Só a rexedora interveu brevemente para reafirmarlle que non ía permitir que o PP «sentase na cadeira de brazos para ocupar a Alcaldía».

Así todo, a moción do PP só contou cos votos da bancada popular e en apenas media hora o pleno finalizou como comezara, con Portas como Alcaldesa.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *