Os grupos estarán compostos por 15 ou 20 persoas e comezarán a funcionar a partires do próximo 13 de xuño
“Patrullas veciñais de Prevención de Incendios”. Esta iniciativa parteu da Comunidade de Montes Veciñais de Coiro e foi apoiada polo Concello de
Cangas, a través da estreita colaboración coa Oficina Municipal de Voluntariado dende o ano 2017.
Os antecedentes deste proxecto xorden no ano 2016, ante intensa subida da temperatura do solo, sufrido a causa das continuadas olas de calor que azoutaron o sur de Pontevedra. Os incendios asolaron a provincia e fixeron perigar moitas masas arbóreas, e nos vimos inmersos nun grave problema ambiental e social. Feitas as pertinentes investigacións sobre os inicios dos incendios, descubriuse que tralos elementos ambientais que propiciaban a propagación do lume, en moitas ocasións estaba unha mal intencionada man que os iniciaba.
Entendendo, que en moitos casos non era accidental o comezo dos incendios, tomouse a iniciativa de crear unha serie de grupos ou patrullas veciñais que pasearan polos montes controlando os diferentes cuadrantes.
A súa función é disuasoria e de vixilancia. Como obxectivo secundario, tamén controlan o estado do monte e avisan as autoridades pertinentes ante vertidos ilegais, situacións sospeitosas ou outras irregularidades. Importante destacar que é un proxecto interxeracional, onde persoas séniors, as mellores coñecedoras dos montes de Coiro, son acompañadas por xoves veciños/as que queren coidar os montes para as xeracións vindeiras.
Actualmente entre 15 e 20 son as persoas que conformarán os grupos de vixianza e que se repartirán en quendas a partires do próximo 13 de xuño e previsiblemente ata finais de setembro. A Comunidade de Montes chama a aquelas persoas que teñan inquedanzas ambientais, preocupación pola entorna e ganas de aprender a unirse a este programa.