Os traballos faranse nun treito de 1,9 quilómetros e suporán un investimento de un millón de euros
Comezan as obras do Tramo de Concentración de Accidentes (TCA) na PO-551 entre a parroquia canguesa de Coiro e a moañesa de Tirán. A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, supervisou esta mañá o inicio dos traballos que teñen como obxetivo aumentar a seguridade nesta estrada para peatóns e vehículos e, polo tanto, a eliminación dun treito de concentración de accidentes. A actuación suporá un investimento de 1,1 millóns de euros.
“Trátase dunha actuación integral e moi demandada que favorecerá os desprazamentos diarios dos veciños, unha intervención enmárcase na Estratexia para a eliminación dos treitos de concentración de accidentes nas estradas de titularidade autonómica que está a desenvolver a Xunta cun investimento de máis de 15 millóns de euros”, sinalou.
A representante autonómica avanzou que o obxectivo da Xunta é ter rematados os traballos este mesmo ano, en 2022, xa que teñen un prazo de execución de 6 meses. Ademais, explicou que as obras proxectadas neste treito da PO-551 permitirán ampliar a estrada e actuar en 5 interseccións para incrementar a seguridade, mellorando as beirarrúas en 3 treitos e as paradas de autobús para facilitar os desprazamentos a pé e facer máis cómoda á espera do transporte público.
Aparcadoiros e pasos de peóns
Tamén ordenaranse os aparcadoiros e melloraranse os pasos de peóns, dotando 3 con equipamento intelixente. Concretou que en Cangas, na parroquia de Coiro, se executará unha nova beirarrúa de 2 metros de ancho na marxe dereita da estrada, para dar continuidade á que xa hai na saída do núcleo e enlazar coa actual da rotonda do Gordo.
Ademais, habilitarase outro treito de beirarrúa pola marxe esquerda noutro punto e mellorarase unha intersección, a do cruzamento de Santo Domingo, coa execución de cuñas de entrada e saída, a dotación de beirarrúas e a disposición de paradas de autobús en ambos os dous sentidos.
Nova glorieta
En Moaña a actuación na PO-551, ao seu paso pola parroquia de Tirán, comprende a execución dunha nova glorieta xunto ao Lidl, de 28 metros de diámetro, con 2 carrís de 4 metros e o acondicionamento da súa contorna: instalaranse pasos de peóns intelixentes, dotados con detectores de presenza, trasladaranse as paradas de autobús e renovarase a ampliarase a beirarrúa esquerda.
Tamén se actuará noutras 2 interseccións: na do cruzamento de Castroviejo, coa disposición de cuñas para a incorporación e saída da estrada; e modificarase a existente na marxe esquerda, no punto quilométrico 22+810, para garantir maior seguridade nas manobras e favorecer o acceso á parada de bus. No treito situado entre os puntos 22+880-22+920 ampliarase a sección da marxe dereita para ter unha parada, beirarrúa e zona para os contedores de lixo.
Intersección no CEIP Tirán
Fernández-Tapias salientou, entre as actuacións nesta contorna, a mellora da intersección de acceso ao CEIP de Tirán, coa que se atende as achegas presentadas ao proxecto inicial: ampliaranse as dimensións do cambio de sentido, habilitarase un carril de espera e melloraranse as condicións de seguridade dos peóns, dispoñendo beirarrúas para mellora a seguridade do itinerario peonil escolar, de 2 metros de ancho en ambas as dúas marxes.
Segundo abundou, a Xunta atendeu boa parte das propostas dos veciños a este proxecto, sempre tendo como premisa última a mellora da seguridade viaria na PO-551, principalmente en Tirán, adaptándoo na medida do posible á recuperación do Camiño Real.