Hermelo: “En Cangas coñecemos perfectamente de que trata o modelo multipartito de BNG e PSOE. División, parálise e inacción ante os problemas”
O Partido Popular de Cangas esteou o primeiro día de campaña coa visita da vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ánxeles Vázquez, que estivo acompañada polo presidente local da formación, José Enrique Sotelo, e a concelleira popular e no9 da candidatura do PP por Pontevedra, Loli Hermelo, e que percorreron xuntos o mercadillo da vila pedindo o voto para que Alfonso Rueda continúe ostentando a presidencia da Xunta de Galicia.
Tamén destacou as políticas de vivenda nas que se invertiron 714 millóns de euros desde o 2009 e da que se beneficiaron 140.000 familias, que recibirán un novo pulo na vindeira lexislatura duplicando as vivendas de promoción pública ata chegar ás preto de 8.000 vivendas. Cifras que contrastan coas políticas desenvolvidas nos últimos anos na capital do Morrazo onde as últimas vivendas de promoción pública foron contruídas cun goberno municipal do PP.
Vázquez reinvindicou a Lei do Litoral galega, recorrida polo Goberno central, como outro dos piares das políticas despregadas pola Xunta nos últimos anos. Unha norma, recordou, elaborada da man de expertos xuristas e do propio sector e que contou cun amplo consenso, o que permitiu que fora aprobada sen ningún voto en contra no Parlamento galego. O obxectivo con esta norma é proporcionar maior seguridade xurídica recoñecendo como “estratéxico e prioritario” as actividades pesqueiras, marisqueiras e acuícolas fronte a outras actividades a diferenza do recollido nos POEM propostos polo Estado. Un recurso que foi fortemente contestado polo conxunto da cadea mar-industria en diversos actos reclamando a retirada do recurso por parte do Executivo estatal e que amosa a falta de sensibilidade do BNG e do PSOE co sector pesqueiro.
O futuro de Cangas
O presidente dos populares no municipio, José Enrique Sotelo, resaltou o balance do goberno do PP ao fronte do Goberno galego e recordou asuntos que continúan paralizados por parte do goberno local como o polígono industrial, a posta en marcha de vivenda pública, o PXOM ou a posta en marcha de novas infraestructuras. Iniciativas estratéxicas para o futuro de Cangas que continúan paralizadas pola falta de traballo do goberno de nacionalistas e socialistas. “¿A quen pretenden enganar?” cuestionou.
“Son incapaces de gobernar Cangas, que presenta un estado absoluto de abandono, aínda o serían máis no goberno de Galicia” concluiu. Pola súa banda, a concelleira popular e no 9 da candidatura por Pontevedra, Loli Hermelo, que contrastou o modelo de goberno do PP encarnado en Alfonso Rueda co modelo que representa a cualición do BNG e o PSOE utilizando como exemplo o goberno local. “A veciñanza pode ver na nosa vila en miniatura o que pode ser un novo bipartito na Xunta. Parálise, inacción e unha absoluta falta de xestión fronte os problemas” dixo. Hermelo destacou as subvencións autonómicas ou europeas perdidas por parte dos responsables locais referidas á rehabilitación do casco histórico ou para auditar a rede municipal de saneamento, principal foco de contaminación polas constantes verteduras de augas fecais no litoral. Por iso pediu co vindeiro 18 de febreiro a veciñanza apoie a candidatura da que forma parte para ter a unha veciña no Pazo do Hórreo que traballe para poñer solucións a estes e outros problemas que sofre o concello e a comarca na actualidade.