A CIG denuncia a sobrecarga de traballo do persoal no PAC nunha data de ocio nocturno como é Samaín
En véspera de festivo, a Xerencia de Atención Primaria de Vigo deixa o Servizo de Urxencias e os Centros de Saúde de Moaña e Cangas cunha asistencia médica baixo mínimos. En horario de tarde están a pasar consulta 2 médicos en Moaña e 1 só médico en Cangas.
Ante a falta de instrucións por parte da dirección médica, a maiores das cancelacións nas consultas ordinarias, o PAC de Cangas deberá asumir esta tarde ademais das emerxencias que atende habitualmente, toda asistencia urxente dos pacientes de Moaña ou Cangas teñan o seu cupo médico de maña ou de tarde.
A Unión Local da CIG no Morrazo denuncia que esta temeraria sobrecarga de traballo na asistencia do persoal do PAC dase en véspera de festivo, coincidindo coa actividade de ocio nocturno propio do Samaín e, unha vez máis, cunha médica menos no servizo de urxencias.
Para o sindicato nacionalista está máis que demostrado que o Sergas minte cando di que a falta de persoal médico debese a “causas puntuais, por situacións sobrevenidas froito da época estival”. Posto que esta situación lonxe de darse tan só na época estival continuou producíndose de forma permanentes durante os meses de verán os de setembro e outubro ata chegar a tocar fondo no día de hoxe.
Pese a existir necesidades de coberturas de longa duración, a Xerencia de Atención Primaria de Vigo négase a asinar contratos estables ao persoal facultativo. “cubren baixas de máis de 1 ano con contratos a días soltos. Deste xeito o que sucede é que as médicas marchan para os hospitais ou abandonan esta área sanitaria e mesmo o país”. – Explica unha das sanitarias.
A CIG Saúde pedirá explicacións sobre a situación sanitaria de Cangas-Moaña na vindeira reunión coa Xerencia e dará información polo miúdo as alcaldesas de ambos concellos, para pedirlles que incorporen ás súas reivindicacións a necesidade dunha cobertura estable do persoal de urxencias que atende dende o PAC de Cangas á poboación de ambos municipios.