Goberno local e directiva da AECC no Morrazo na inauguración da mostra.

A AECC cumpre medio século de vida e ao longo de todos estes anos logrou grandes avances na a investigación do cancro. Para homenaxear a todos e todas as que, coa axuda desta asociación nacional, contribuíron avanzar no desenvolvemento de tratamentos de loita contra esta enfermidade teñen en marcha unha exposición itinerante que estes días percorre a comarca do Morrazo. Se días atrás estaba en Cangas, hoxe instalouse na praza do Concello de Moaña, no acceso ao consistorio.

O responsable de AECC, Raúl Cerna, e o seu equipo, xunto coa alcaldesa, Leticia Santos, e varios membros do goberno local, foron os encargados de inaugurar esta mostra. «Queremos que a xente de Moaña saiba que estamos aquí», afirmou Raúl, quen expuxo que no último ano ofreceron axuda psicolóxica a 94 veciños e veciñas da localidade, realizaron 64 accións de voluntariado (repartición gratuíta de comida e alimentos) e atenderon 38 casos que requirían de logopeda. «A veciñanza de Moaña debe saber que se necesitan un logopeda non teñen que desprazarse fose para unha consulta, nós podemos ofrecerlles ese servizo», advertiu o presidente.

A alcaldesa recibiu a camiseta co novo logo da AECC.

A alcaldesa de Moaña quixo poñer en valor o labor da AECC na localidade na que contan cunha consulta dúas veces á semana grazas á cesión dun local municipal que comparten con Adicam en Ramón Cabanillas. «É un pracer acoller esta exposición para que a veciñanza de Moaña sexa consciente dos avances que se produciron nestes 50 anos e nas posibilidades de curación que, en moitos tipos de cancro, son moi altas grazas a esta investigación», indicou Santos que aproveitou o acto para lanzar unha mensaxe: «Calquera persoa en cuxa familia hai un membro que estea a pasar un cancro póñase en contacto coa asociación porque se van a sorprender da axuda que lle poden prestar, fundamentalmente naquelas cousas que non nos facilita o Sergas», recalcou.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *