Dez entidades da comarca do Morrazo son beneficiarias da liña de axudas da Deputación de Pontevedra destinada a entidades culturais da provincia para promover, fomentar e difundir actividades de dinamización da lingua galega durante o exercicio 2023. De Cangas son la Asociación de Comerciantes e Industriais de Cangas (ACICA), ASPAMSIM, a Asociación Cultural Fundación Casa-Museo de Camaño Xestido-A Mangallona, a Asociación Lolos, a Asociación para a Promoción Turística do Morrazo, a Asociación O Son do Pobo e a Asociación Xuvenil Cultural Staccato.
A entidade de Bueu que recibirá a prestación da administración provincial é a Asociación FICBUEU e de Moaña a Asociación de Comerciantes e Industriais de Moaña (ACIMO).
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, deu conta da aprobación desta concesións dunha liña dotada de 150.000 euros e das que se beneficiarán 57 entidades da provincia con achegas que ascenden aos 126.000 euros. Luis López asegurou que “a lingua galega diferéncianos e proxéctanos no mundo cunha personalidade única” e reiterou, “como xa avancei no mesmo día da miña investidura como presidente, que desde a Deputación imos potenciar e moito a nosa cultura e a nosa lingua como sinais de identidade fundamentais para posicionarnos nun mundo cada vez máis global”.
As axudas da Deputación teñen o fin de potenciar o uso do noso idioma no ámbito económico e, en xeral, en todos os sectores con repercusión social. As axudas, destinadas a entidades culturais sen fins de lucro, permitiron subvencionar ata o 75% do orzamento ata un máximo de 3.500 euros. Son susceptibles de acadar as achegas accións de fomento da creación e difusión cultural (certames, creacións, feiras…), sociolingüística e toponimia (estudos sobre sociolingüística, recuperación da toponomia), fomento do emprego no comercio e industria, recoñecementos e distincións (xornadas, campañas…), obradoiros para reforzar o traballo a prol do uso da lingua entre a veciñanza e publicacións de materiais que teñan como fin introducir ou estender o uso da lingua nalgún eido.