Tras o parón do ano pasado por mor do Covid-19, este ano a asociación de veciños de Berducedo e Piñeiro de Moaña decidiu retomar a edición da súa tradicional revista que xa cumpre 25 anos. Esta fin de semana directiva e colaboradores presentaron o exemplar en presenza da alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, e da tenente de alcalde, Marta Freire, en representación do Concello, que este ano colaborou economicamente para permitir que saíse adiante e evitar así que fosen os anunciantes quen, coma ata agora, asumisen o peso monetario da súa impresión. «Eles tamén o están pasando mal e, aínda que saen, fano gratuitamente», indicou a presidenta da asociación veciñal, Vanesa Ríos.
Cunha tirada de 501 exemplares, un número singular do que se descoñece a súa orixe, a revista comeza realizando un balance dos «logros, xestións feitas, reivindicacións e necesidades» da parroquia. Da man de Luís dá Roxa fai un percorrido polos Recordos do Barrio», o moañés Sera Caminha plasma un feito dramático acontecido durante a súa mocidade e sobre o que reflexiona en homenaxe a » Amadeo e Carmen», os pais de » Fransuá», un amigo da infancia ao que a droga lle arruinou a vida. «Hai veces que tes amigos que che piden axuda e non es capaz de darlla. Eu nese momento non estaba preparado, non era unha enfermidade que se vise e a min sempre me quedou esa espiña cravada. Igual se fixésemos algo daquela hoxe podería estar connosco… El xa está alá pero probablemente a nai é algo que leva dentro e é unha homenaxe a eles, aos pais, porque me consta que fixeron todo o que estaba nas súas mans para axudalo», explicou Caminha sobre o seu texto de seis páxinas.
Josefa Boubeta é outra das moañesas «da aldea» cuxa historia queda reflectida en O Canastro. É a avoa do deputado autonómico do BNG, Paulo Ríos ` Kai´, unha muller traballadora que naceu na Marrúa e que hoxe vive na praia de Moaña cos seus netos «e cos seus achaques que non son poucos», reza no escrito de Luís Chapela Bermúdez.
En total, unha decena de artigos redactados ao longo deste 2021 e tamén durante 2020 que quixeron ver a luz nesta nova edición.