Por terceira vez en só uns meses Moaña mobilizouse para pedir o regreso das urxencias ao PAC de Concepción Arenal. A primeira na que todos os partidos da corporación municipal, fóra de XM, encabezaron a marcha portando a pancarta da Mesa da Sanidade do Concello de Moaña, organizadora da protesta, coa mensaxe «Coa Nosa Saúde non se Xoga».
A pesar da ameaza de choiva, miles de persoas saíron á rúa, 5.000 segundo a organización e un milleiro segundo a Subdelegación do Goberno, descenderon desde a rotonda do Portal do Almacén pola rúa Ramón Cabanillas ata chegar ás portas do centro de saúde de Concepción Arenal, que estaba pechado precisamente pola falta deste servizo aos veciños de Moaña desde hai dous anos.
Para a presidenta da Plataforma pola Sanidade Pública de Moaña, Concha Trigo, a resposta da cidadanía foi «impresionante» como o é «cada domingo» nas concentracións que levan a cabo ás portas do consultorio co mesmo fin: reclamar a volta das urxencias, unha terceira ambulancia para Cangas e Moaña e que se cubran as vacantes que deixan a case 3.000 usuarios da quenda de tarde sen atención médica tras o concurso de traslados.
Pola súa banda, a rexedora de Moaña e presidenta da Mesa Local da Sanidade, Leticia Santos, tamén fai unha valoración «moi positiva» xa que «a veciñanza demostrou que non se vai a conformar» con ter que trasladarse a Cangas para acudir a urxencias, con continuar sen o servizo da ambulancia de reforzo ou sen atención médica en horario de tarde.