Aínda que a súa prioridade segue sendo que se baixe ao barco para recompilar probas sobre as causas do naufraxio e rescatar os corpos dos 12 tripulantes que aínda se atopan desaparecidos, os familiares das vítimas do accidente en Terranova recoñecen que a decisión da xuíza do xulgado de Instrución número 2 de Marín rexeitando a inhibición acordada pola Audiencia Nacional colleulles por sorpresa. «Non o esperabamos», di a portavoz das vítimas, María José De Pazo. Aínda así continúa confiando na xustiza e están convencidos de que haberá un xuíz que acabará entrando no caso.
Mentres tanto anuncian que enviaron un escrito ao delegado do Goberno en Galicia, José Manuel Miñones, recriminándolle as declaracións realizadas onte nas que alegaba impedimentos legais para mergullarse ata o lugar onde se atopa o Villa de Pitanxo. «Non ser poden dicir vaguidades, queremos saber que impedimentos legais hai», reprochan a Miñones. E, precisamente, para coñecer onde está o problema legal, De Pazo fai público que solicitaron unha entrevista coa embaixadora de Canadá en España para «mostrarlle o escrito de Miñones e saber se eses impedimentos legais son de Canadá».