O peche do parque de Castiñeiras produciuse ás 20:00 horas de onte e alongouse ata as 9:00 horas desta mañá
O parque de Bombeiros do Morrazo estivo pechado desde as 20:00 horas de onte ata as 9:00 desta mañá tras lesionarse un dos efectivos, quedando o persoal do polígono de Castiñeiras reducido a dúas persoas. Como mínimo deben de ser tres os efectivos en activo por quenda. Durante este ‘baleiro’ producíronse un incendio nunha vivenda en Moaña, afortunadamente de carácter leve, a iso das 22:00 horas, e ardeu un contedor na zona de Broullón cuxas chamas tiveron que apagar os traballadores de Conservación de Estradas porque supoñían un risco para os condutores ao ocupar parte da calzada.
Segundo explican desde a representación sindical do Consorcio Provincial de Pontevedra, o «esperpento» da xornada de onte comezou ás 14:00 horas cando un bombeiro do Morrazo lesiónase, polo que debe trasladarse á mutua, ante o cal o xerente decide pechar o parque de Vilagarcía e enviar un membro desa dotación a Morrazo para cubrir a quenda e outros dous a Ribadumia. Ao chegar a Morrazo, son coñecedores de que en Porriño hai 4 bombeiros, polo que «o peche de Vilagarcía nunca debeu producirse, por incrible que pareza, o responsable do servizo non coñecía o número de traballadores que estaban de quenda ese día», explican nun comunicado. Unha vez comunícaselle, engaden, de novo ábrese o parque de Vilagarcía e desprázase un bombeiro de Porriño a Morrazo. Pero ás 20:00 horas prodúcese un novo peche. Esta vez o parque do Porriño, que permaneceu pechado por unhas horas. Aquí, o xerente de novo ordena pechar Vilagarcía e mover efectivos, pero Vilagarcía atópase nun incendio, polo que pecha Morrazo e trasládaos a Porriño.
«Como xa se informou previamente, os bombeiros comarcais estamos en folga polos incumprimentos nos seus compromisos tanto de Xunta de Galicia como das Deputacións Provinciais. Unha folga que tan só consiste en non facer horas extras voluntarias, algo que levamos anos advertindo que era a única forma de poder prestar o servizo, debido entre outras cousas á escaseza de persoal», explica a representación sindical, que advirten de que «isto vai ir a peor en canto empezo o período vacacional e a curto prazo só pode resolverse se as administracións sentan coa representación sindical para desencallar a situación».