As empresas terán ata o 1 de agosto para presentar as súas ofertas. O presuposto é de 257.710 euros
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, desprazouse hoxe ata a PO-315 (estrada Cangas-Bueu) para anunciar a licitación, por importe de 257.710 euros, das obras de mellora nesta estrada autonómica no Concello de Cangas. Concretamente, segundo informou a representante do Goberno galego, actuarase en dous treitos, un na parroquia de Aldán e outro na de Darbo (situados entre os puntos quilométricos 10+100 e 10+380 e na entorna do 13+500). O obxetivo, dixo Fernández Tapias, é “reforzar a seguridade e a comodidade dos usuarios e favorecer unha mobilidade máis sustentable”.
En Aldán se mellorarán dos percorridos peonís, con novas beirarrúas accesibles e unha pasarela peonil aparellada a un pontón sobre o río Orxas para permitir a continuidade da beirarrúa. Neste tramo incluirase, ademais, a reordenación das interseccións de acceso á praia de San Cibrán, dos pasos de peóns e das paradas de autobús, xunto coa renovación da rede de pluviais e o alumeado.
En canto ao segundo treito do proxecto, entre os puntos 13+200 e o 13+550, apuntou que se acometerán tres actuacións puntuais para dar continuidade á beirarrúa actual, na parroquia de Darbo. Para isto, executarase en cada caso un pequeno muro de espigón.
As empresas interesadas na execución destes traballos teñen ata o vindeiro 1 de agosto para presentar as súas ofertas.
As obras, que serán financiadas con fondos europeos REACT EU como parte de resposta da Unión Europea á pandemia da covid-19 dentro do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020, contan cun prazo de execución de 4 meses.