A deputada María Ortega mostrando o cartel.

O departamento de Lingua da Deputación vai levar a dez concellos da provincia unha peza teatral que revive a nenez de Rosalía de Castro, entre eles Moaña a próximo 29 de outubro. ‘Rosalía. O lugar onde medran as poetas’, unha peza dirixida por Fina Calleja e producida por Culturactiva, representarase este domingo en Cerdedo- Cotobade. Tamén viaxará por Ponteareas, Redondela, O Rosal, Lalín, O Grove e A Estrada logo de pasar por Valga e A Cañiza.

Con esta iniciativa de xirar pola provincia unha nova visión sobre a figura de Rosalía a deputada María Ortega subliña que a Deputación pretende ampliar a programación institucional sobre a autora, á que considera “bandeira de Galiza”´e “unha figura de rabiosa actualidade e contemporaneidade”.

“Queremos poñer en valor a vixencia de Rosalía, a súa reivindicación da lingua propia non só celebrando cada 24 de febreiro, senón dándolle máis traxectoria e artellando máis actividades sobre a súa figura ao longo do ano”, explica a nacionalista. De feito, a Deputación vén de aprobar recentemente a súa incorporación como ‘mecenas’ da Casa de Rosalía, coa que se van poñer en marcha outros proxectos.

Unha escena da obra.

A peza teatral ‘Rosalía. O lugar onde medran as poetas’ trata de achegar ao público unha Rosalía aínda nena nun momento crucial da súa vida. “As biografías non o contan, pero unha das grandes voces literarias da historia tamén foi unha nena alegre que cantaba e xogaba, que lía e comía chocolate.

Esta Rosalía que aínda non precisaba apelidarse de Castro e que está a piques de marchar a Santiago é a protagonista desta obra de teatro que quere contarlles ás nenas e aos nenos que a infancia é o lugar onde medran as poetas: entre a rebeldía, as lecturas, a curiosidade, o xogo e as cancións con rimas e sen autor”, explican dende a compañía teatral.

Esta Rosalía é unha obra de muller pensada para nenas e nenos de Primaria – e para as súas familias e docentes- por unha equipa de mulleres intensamente vencelladas ao teatro de palabras para espectadoras e espectadores que viven
no país da infancia.

Dirixe a peza actriz e directora Fina Calleja, ligada á premiada compañía Sarabela e responsable de moitas das súas montaxes infantís e xuvenís, e forman o reparto as dúas actrices Rocío González e Cristina Collazo, dúas imprescindibles nos últimos anos nos escenarios máis variados e nas pantallas da televisión e do cine de Galicia.

A xira pola provincia do teatro sobre a Rosalía ‘nena’ estará este domingo 22 agosto ás sete da tarde na Praza da Biblioteca do Concello de Cerdedo – Cotobade, onde a capacidade máxima será de 100 persoas. Despois seguirá o 24 de setembro no Concello de Ponteareas; o 3 outubro no Concello de Redondela; o 29 de outubro no Concello de Moaña; o 31 de outubro no Concello de O Rosal; o 20 de novembro no Concello Lalín; o 19 de decembro no Concello de O Grove; e o 29 de decembro no Concello de a Estrada, logo de pasar no mes de xullo polo Concello de Valga e a primeiros de agosto por A Cañiza.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *