Deseño do novo parque da Choupana.

A intervención contempla a sustitución de todos os elementos de xogo e do valado perimetral e o acondicionamento do chan

O goberno local de Cangas solicitou á Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes unha subvención de 48.279 euros para acometer a renovación do parque infantil de A Choupana, que presenta un avanzado estado de deterioro tanto nos elementos de xogo, en parte por seren obxecto de actos vandálicos, como no seu chan.

O estado da área de xogo desaconsella o seu uso debido ao risco de accidente que supón para a poboación infantil usuaria, unha cuestión que a alcaldesa de Cangas, Victoria Portas, confía en revertir a través dunha achega autonómica ao carecer o Concello de partida suficiente para a execución con fondos propios destes traballos ao bloquear a oposición a aprobación do orzamento para este exercicio.

“Na Choupana reside moita poboación infantil que necesita espazos de lecer e de xogo para un desenvolvemento harmónico da súa personalidade tanto a nivel físico, como emocional, social e intelectura. Por tanto, desde o Concello queremos potenciar, na medida das nosas posibilidades, que os nenos e nenas dispoñan das instalacións necesarias para poder xogar nos espazos públicos, e sempre aplicando os criterios que rexen en todas as actuacións municipais de garantir a accesibilidade universal e a integración das persoas con discapacidades”, apunta Victoria Portas.

No caso da Choupana o Concello considera imprescindible a renovación total do espazo infantil sen posibilidade de recuperación de ningún dos seus elementos e a memoria valorada presentada á convocatoria de subvención recolle unha intervención tanto no pavimento como no valado perimetral e a dotación de nosos columpios.

Concretamente a memoria fai referencia á sustitución de elementos do parque por outros novos de materiais que garantan unha maior durabilidade e que permitan o xogo a persoas con diversidade intelectual e funcional e tamén que eviten a reducción de visibilidade e con características anti-vandálicas .

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *