Félix Juncal, alcalde de Bueu, e Xosé Leal, concelleiro de cultura e medio ambiente, visitaron as obras de acondicionamento da Fonte de Vilar (Beluso), que levou a cabo o persoal municipal nos últimos meses. Alí, os operarios da brigada de albanelería e cantaría contratados no marco do Plan de Emprego da Deputación de Pontevedra o ano pasado arrancaron cos traballos de limpeza do espazo, continuando a brigada de obras e servizos co acondicionamento da fonte e da contorna.
Este traballos forman parte do plan de posta en valor do patrimonio municipal, no que tamén se acometeu a mellora noutras fontes e lavadoiros, como no Lago Mansiño, na Fontenova, na zona de Montemogos, e na de “Requeixo”, no lugar de Bon, todas elas na parroquia de Beluso. O alcalde, que se encarga tamén da xestión da área de obras e servizos, móstrase satisfeito e salienta que “a idea é que dende o Concello se continúe con este plan global de acondicionamento de fontes e lavadoiros, que tradicionalmente foron importantes lugares de socialización da cidadanía e que debemos manter nas mellores condicións”. Neste senso, destaca que a actual liña de traballo xa arrancou hai dous anos coa rehabilitación integral dos lavadoiros do Mieliño, A Graña e o situado no barrio da Banda do Río.