O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou hoxe en Cangas do Morrazo no acto de distinción a institucións e persoas que colaboran coa Protección Civil. O evento desenvolveuse no marco da celebración do patrón da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) desta localidade.
A Xunta pon así de manifesto o seu recoñecemento ao labor dos servizos de emerxencias dos concellos, un apoio que tamén se materializa cada ano con axudas ao seu funcionamento e en equipamento. O obxectivo é que estes efectivos conten cos recursos precisos para desenvolver o seu traballo a prol da seguridade e o benestar cidadá nas mellores condicións.
Só neste ano, as Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil de Galicia reciben preto de 800.000 euros a través das dúas ordes de axudas, para funcionamento e equipamento.
A primeira delas, xa resolta, beneficiou case 200 colectivos.
Canto ao apoio á AVPC de Cangas en achegas económicas e dotacións nos últimos anos, a contía ascende a case 240.000 euros. Entre o equipamento máis recente cómpre sinalar un conxunto de ferramentas de excarceración cun valor de 44.500 euros ou o cofinanciamento dun vehículo autobomba con 55.600 euros.