O Concello de Marín vén de publicar o bando municipal que rexe a boa presenza e ornato dos cemiterios e camposantos municipais, que aínda que ten que aplicarse sempre, é especialmente desexable nunha época tan sinalada como a celebración do Día de Defuntos, que trae a moitos visitantes a estes lugares.
Por iso, desde o Concello piden ás persoas propietarias dos panteóns que procedan á limpeza dos terreos, sepulturas e nichos e ao pintado dos panteóns que non se atopen nas debidas condicións estéticas e de armonización co resto dos panteóns do entorno, sempre poñendo en coñecemento das actuacións a levar a cabo ao persoal encargado do cemiterio.
Ademais, co obxecto de fomentar a limpeza e decoro dos cemiterios municipais, sinalar que os labores de mera limpeza non requiren de ningún título habilitante municipal, esixido pola normativa urbanística, e que son os seguintes supostos segundo a normativa de protección do patrimonio:
● A limpeza e retirada de po ou lixo depositado e non fortemente adherido, sempre que non requira de medios auxiliares que poidan comprometer a integridade do seu soporte.
● A limpeza con técnicas non agresivas e sen afectar ao material de soporte existente.
En calquer caso, prohíbense os chorreos de area sobre as fábricas de pedra vista. No caso dos chorreos de auga a presión precisarase de autorización da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
Ampliación do horario de apertura
A visita aos cemiterios municipais poderá realizarse nun horario ampliado ao habitual os días 31 de outubro e o 1 de novembro. Será de 08.00 a 20.00 horas.
Dentro da instalación, a veciñanza e as persoas usuarias da mesma deberán manter en todo momento o respecto axeitado aos demais usuarios/as e visitantes.