A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a aprobación do proxecto de construción das obras de mellora da seguridade viaria na estrada autonómica PO-551, ao seu paso polos concellos de Cangas e de Moaña.
O Consello da Xunta aprobou o pasado día 26 de maio as expropiacións precisas para executar este proxecto, que dispón dun investimento autonómico de máis de 1,1 millón de euros, nos que se inclúe o pagamento dos 46 predios necesarios para levar a cabo a actuación.
O DOG tamén publica a aprobación definitiva do expediente de información pública deste proxecto. Neste enlace pódese ampliar a información relativa a esta resolución.
O proxecto de mellora de seguridade viaria desenvólvese no treito de 2 quilómetros da estrada autonómica, identificado como tramo de concentración de accidentes, comprendido entre a saída da travesía de Cangas e a intersección de acceso ao colexio de Tirán, no concello de Moaña.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade procederá ao levantamento de actas previas e á licitación das obras no segundo semestre do ano. Os traballos contan dun prazo de execución de seis meses.