A Federación de Anpas de centros públicos de Cangas «A Gameliña» advirte de que, se todo continúa como neste momento, a maioría dos centros escolares de Cangas tampouco terán aula matinal o próximo curso escolar. Tentaron que a Xunta se fixese cargo da xestión deste servizo fundamental para a conciliación familiar pero a administración autonómica rexeitouno asegurando que non o facían en ningún centro de Galicia.
Ante esta negativa, tamén lle propuxeron o mesmo ao Concello, pero a día de hoxe a concellería de Ensino tampouco se fai cargo. A Federación négase a continuar xestionando a aula matinal nunha situación de Covid xa que, en caso de contaxios ou incidentes, serían os pais quen tería que asumir persoalmente as consecuencias. E, como veñen dicindo ata o de agora, non están dispostos a asumir ese risco. Ese é o motivo polo que durante este curso tampouco houbo aula matinal.
A Federación reuniuse nas últimas horas coa concelleira de Ensino, Ingrid Loredana, e coa alcaldesa de Cangas, Victoria Portas, para tratar de buscar a mellor solución pero ata o momento non se atopou. Ata o de agora este servizo está a ser financiado exclusivamente polas familias.
Servizo de comedor escolar
Outro dos temas para tratar na reunión foi o do comedor escolar. O Concello, finalmente, renovou o convenio coa Xunta e agora está pendente de sacar a licitación novamente o servizo. Segundo a Federación, a convocatoria debería sacarse este mes de xuño para que en setembro a nova empresa poida comezar.