Unha das procesións da Semana Santa de Cangas pasando polo Mercado de Abastos.

A concelleira de Cultura e Turismo prepara unha declaración institucional consensuada co resto de partidos da corporación para o pleno ordinario de marzo coa que busca reivindicar a importancia da Semana Santa canguesa, declarada de Interese Turístico Gallego desde hai dúas décadas, e o sen sentido que supón non celebrala con normalidade

Aínda que poida parecer unha inocentada, non é 28 de decembro. É unha realidade. Este ano, o primeiro de «normalidade» despois da pandemia do Covid-19, non haberá Semana Santa en Cangas. É a primeira vez na historia que o municipio quedará sen esta festividade, unha das máis importantes de Galicia declarada desde hai dúas décadas de Interese Turístico Gallego. O motivo, unha visión diferente de como debe celebrarse a pascua. Segundo explican os colectivos implicados, a maioría das confrarías apostan por facelo da forma tradicional, procesionando as imaxes polas rúas de Cangas como se fixo sempre, mentres que o sacerdote da excolegiata, Don Severo Lobato, está convencido de que debe ser exclusivamente relixiosa e que as procesións non deben de saír da contorna eclesiástica. Isto xerou tal tensión entre ambas as partes que neste momento todos pensan xa que en 2022 non haberá Semana Santa en Cangas.

Así quedou de manifesto esta tarde na reunión que os colectivos implicados, directa ou indirectamente, na festividade coa concelleira de Cultura e Turismo, Aurora Prieto quen está convencida de que «a Semana Santa está perdida» e que, a pesar dos intentos de diálogo por parte do Concello, «non hai forma de que Cangas teña este 2022 unha Semana Santa como a de 2019». «A pandemia non é escusa», reprocha Prieto en alusión ao motivo que o párroco alega para negarse.

Ante este enquistamento, a titular de Cultura e Turismo quere poñer toda a carne no asador ata o último momento no seu interese porque Cangas non quede sen pascua e anuncia que atopase traballando na redacción dunha declaración institucional acordada con todos os partidos políticos que conforman a corporación municipal na que se reivindique a importancia da Semana Santa para Cangas, tanto por tradición, polo traballo de tanta xente ao longo dos anos como tampouco polo simbolismo cultural ou o revulsivo económico que supón para o tecido local. «Levamos dous anos moi complicados sobrevivindo nos negocios e a Semana Santa é unha oportunidade, vén moita xente de fóra e os cangueses saen saen a cálea pero se non hai celebración iranse a outros lugares», recoñece.

O Concello tiña previsto solicitar a declaración de Interese Turístico Nacional antes da pandemia pero o Covid freou as súas intencións. Pretendían retomalas coa chegada desta normalidade en 2022 pero este problema volve poñer outra pedra no camiño para iniciar a tramitación. «A xente non está a entender o que está a pasar, moitas familias de Cangas pertencen a unha ou varias confrarías e que non saian as imaxes non ten explicación», insiste Prieto.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *