A zona de Pedreiras está nestes momentos vivindo unha rehabilitación integral, que lle permitirá mellorar os servizos públicos, así como toda a súa estética. A día de hoxe, está executándose a primeira fase do proxecto, na Rúa de Pedreiras de
Arriba, actuando nunha extensión de aproximadamente 700 metros cadrados, cunha inversión de 202.464,89 euros.
Segundo explicaron técnicos municipais, nestes momentos estase a instalar toda a rede de saneamento. A nova canalización terá rede separativa, para pluviais e fecais. Esta parte da execución é das máis difíciles, xa que é a rede que máis profunda discorre, cunhas tubaxes de maiores dimensións. Ademais, instalaranse tamén todos os demáis servizos: abastecemento, alumeado, telecomunicacións… Unha vez se remate con iso, iniciarase a pavimentación.
As seguintes fases afectarán á Rúa de Pedreiras do Medio (fase 2), Rúa de Pedreiras de Abaixo (fase 3) e ao Lavadoiro e os Camiños da Fonte de Pedreiras (fase 4). A inversión global de todo o proxecto ascende a 843.000 euros.
Bexe e Pastoriza, outros importantes proxectos en marcha
Outra obra moi demandada pola veciñanza e que se está a punto de finalizarse é a da ampliación do abastecemento en Bexe. Supón unha inversión de 126.000 euros e se beneficiarán dela 33 vivendas, que se conectarán á rede municipal. O Concello xa se reuniu previamente cos veciños para explicarlles como teñen que facer para realizar esta conexión, xa que a obra acabará en breve.
Por outro lado, a construción dun novo colector en Ardán, entre Pastoriza e Picotes, que está en plena execución, dará resposta a unha demanda esencial dos veciños da parroquia, xa que a anterior solución adoptada (a da depuradora) daba grandes problemas para o saneamento na zona.
Por iso, o Concello se comprometeu coa veciñanza a retirala e a instalar un colector renovado co que resolver as incidencias e garantir unha prestación correcta deste servizo. Supón unha inversión de 200.000 euros, que se fará con cargo ao Remanente de Tesourería.