Ramallo na convocatoria pública do Grupo de Acción Urbana celebrada no Museo Manuel Torres.

O Museo Manuel Torres acolleu na tarde do xoves a celebración do Grupo de Acción Urbana, no que os redactores do documento presentaron as principais conclusións e propostas despois do traballo de campo e de análise realizado

Marín está máis preto de ter aprobado o seu Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS), un instrumento de planificación estratéxica que nos axudará como vila a ir implantando e favorecendo unha mobilidade máis sostible, centrada nos desprazamentos a pé, en bicicleta ou en transporte público. O obxectivo destes cambios é o de poder reducir o noso consumo de enerxía e, polo tanto, mellorar o coidado do medio ambiente e a calidade de vida da nosa veciñanza. A ela, precisamente, foi á que se lle presentaron as principais conclusións e propostas ás que chegou o equipo redactor do proxecto. Foi grazas á convocatoria pública do Grupo de Acción Urbana, que se celebrou no Museo Manuel Torres.

A alcaldesa, María Ramallo, quixo dar unha mensaxe clara na súa intervención: “Calquera mellora urbana que fagamos nós e calquera cidade moderna a día de hoxe ten que garantir máis espazo para a xente”. Nesta liña, é preciso ir readaptando o espazo urbano para que non sexa acaparado polo estacionamento, procurando liñas alternativas que consigan compatibilizar a mellora das rúas e prazas da vila coa necesidade de aparcadoiro.

Os responsables da empresa Proyestegal explicaron as catro fases que se seguiron na redacción do PMUS: unha primeira de análise da situación actual, realizando traballo de campo e procesos de participación pública; unha segunda para identificar os problemas existentes, unha terceira de definición de liñas estratéxicas e unha cuarta para delimitar as propostas e os obxectivos específicos a acadar no futuro a medio-longo prazo.

“Os maiores retos teñen que ver con fomentar ese cambio nos hábitos de mobilidade da cidadanía, para que aposte por desprazamentos sustentables, á vez que lles dotamos de infraestruturas e espazos urbanos adaptados para iso, adecuando a vila para garantir a accesibilidade e o tránsito”, explicaron. Ademais, procurase unha redución da intensidade do tráfico e da conxestión así como afondar no traballo que xa vén facendo o Goberno local nos últimos anos a través de Proxecto MARES, para facer un Marín máis ordenado en canto ao estacionamento.

Entre algunhas das propostas máis novidosas, ademais das propias humanizacións seguindo os criterios de mobilidade urbana sostible que rexen todo o documento, está a de poder valorar novas opcións de transporte público urbano que conecten o rural co casco urbano, a través de sistemas a demanda, ou a informatización do estacionamento, que permita coñecer a ocupación en tempo real de determinadas rúas (un proxecto xa incluído na Smart Citie do Marín Dusi).

A empresa puxo de exemplo tamén as obras de humanización da Avenida de Ourense e a remodelación do Paseo Alcalde Blanco como exemplos de boas prácticas en canto á mellora na mobilidade urbana e na recuperación de espazos para a cidadanía.

Agora, o PMUS será finalizado despois desta reunión de traballo e iniciará os trámites burocráticos para a súa aprobación: período de exposición pública e aprobación do documento final no Pleno da Corporación. A elaboración desta folla ruta forma parte da estratexia Marín Dusi, cofinanciada nun 80% polo Fondo Europeo De Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *