Operarios tratan de eliminalo do mobiliario infantil. Enfróntanse á complicación de que a aplicación de produtos fortes poderían afectar as estruturas multicolor
O Concello de Cangas leva toda a semana tratando de eliminar todo o pegamento que os vándalos botaron no mobiliario infantil do parque da Choupana. Como se pode apreciar nas imaxes, trátase de grandes cantidades esparexidas por todas as estruturas cuxa erradicación é complicada porque se lle aplican produtos agresivos poderían acabar danando o material das atraccións e, por tanto, que a solución sexa peor que a enfermidade.
Aínda que os tratamentos aplicados ata o momento melloraron o estado do parque, non conseguiron acabar con todo o pegamento que depositaron ata dentro do tobogán. «Por todo», indica a propia alcaldesa, Victoria Portas, quen ordenou precintar a zona ata conseguir a súa limpeza total para evitar que os nenos poidan sufrir danos.