As familias dos mariñeiros desaparecidos coas fotos dos seus seres queridos no acto en Marín o 20 de febreiro.

O Templo Novo de Marín acollerá mañá venres ás 18:00 horas o funeral colectivo polos 21 tripulantes falecidos no naufraxio do Villa de Pitanxo e está previsto que asistan os Reyes de España, Don Felipe VI e Dna. Letizia. Tamén estarán presentes o ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que interromperá a súa campaña como candidato á presidencia do PP nacional para asistir á misa. A cerimonia, que será oficiada polo arcebispo de Santiago de Compostela, Julián Barrio, coincide coa data na que se declaran como mortos os náufragos desaparecidos, aínda que as familias seguen loitando para que se retome a súa procura.

Precisamente, as familias teñen previsto contestar á carta recibida estes días de parte da Presidencia do Goberno, en resposta a unha misiva enviada pola portavoz das vítimas, María José de Pazo, na que reclamaba ao Goberno de Pedro Sánchez que renove a procura dos 12 seres queridos que aínda están en paradoiro descoñecido en augas de Canadá a pesar de que xa pasou máis dun mes desde a traxedia. Con todo, o director do gabinete do Presidente no seu escrito limítase a poñer en valor as xestións realizadas desde España para que Canadá continuase coa procura e o agradecemento ás embarcacións privadas que rastrexaron a zona do naufraxio posteriormente aproveitando a xanela de mellor tempo en Terranova. Pero nin palabra na carta ao compromiso do seu Executivo na reunión mantida con representantes das familias para buscar medios, a través da contratación de empresas especializadas, que permitisen volver peitear o mar no punto no que sucedeu o naufraxio.

«Destacar que el Presidente está personalmente implicado en todas las gestiones que se siguen realizando desde el Gobierno y mantiene el compromiso que adquirió con los familiares de los desaparecidos en la madrugada del 21 al 22 de febrero», insiste literalmente Moncloa na misiva, aínda que sen dar máis detalles sobre se se está traballando na contratación, cando se realizará ou se existen outras alternativas. É por isto que as familias xa anunciaron que teñen previsto dar resposta a esta carta que «nos decepciona», consideran, porque «o compromiso foi outro e sabemos que se pode baixar ao barco afundido, o que hai que ter é vontade e xestionalo».

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *