As concelleiras de Normalización Lingüística e Cultura, coa técnica, na presentación da programación.

A Concellaría de Normalización Lingüística, a Concellaría de Cultura e a Concellaría de Igualdade poñen en marcha unha nova edición dos “Rechouchíos”, o programa de dinamización lectora e lingüística dirixido ao público infantil e familiar que se desenvolverá entre o 8 de maio e o 12 de xuño en distintos espazos do concello.

A iniciativa ten como obxectivo fomentar o uso do galego entre a infancia e achegar ás familias recursos para a socialización lingüística a través da cultura e do lecer. O programa inclúe teatro, monicreques, narración oral e concertos con música en directo, todos eles de balde ata completar cabida.

A programación arrancará o venres 8 de maio coa representación de Berenguela na gaiola, de Galeatro e Xarope Tulú, na Sala Celso Parada de Quintela. O ciclo continuará o 15 de maio en Domaio con A gran viaxe das letras galegas, de A Xanela do Maxín; o 22 de maio con A Pita Xefa, de Títeres Alakrán; e o 29 de maio con Seres máxicos do Reino de Galicia, de Sole Felloza.

O apartado musical chegará o 5 de xuño da man de Iria Pinheiro e Davide González co espectáculo Pitiminí, pensado para bebés e crianzas de 0 a 6 anos.

O peche do ciclo será o 12 de xuño co FESTICHÍO!, un gran festival familiar no arboredo da Xunqueira que contará co espectáculo Meco e Sono, de Xarope Tulú; o concerto Baixo as árbores, de María Faltri; e xogos populares organizados pola Asociación Sociocultural Trebellos.

Ademais, as actividades dos días 15 e 29 de maio contarán con intérpretes en lingua de signos de XOGA (Organización de Diversidade Sensorial de Galicia). Como novidade, nos días previos difundiranse nas redes sociais os “Signochíos”, unha selección de palabras signadas relacionadas cos espectáculos programados.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *