O Xulgado de Instrución número 3 do Porriño, co obxectivo de lograr identificar o cadáver atopado o 21 de febreiro de 2021 no interior dun pozo dunha nave sen actividade do Cerquido (O Porriño), acordou publicar o retrato da vítima elaborado pola Unidade de Antropoloxía Forense do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) mediante a técnica de aproximación facial. O corpo, que non puido ser identificado mediante métodos xenéticos, foi atopado polos empregados dunha empresa de reformas que ían realizar actuacións sobre a nave, que fora adquirida polo seu propietario un mes antes.
Os médicos forenses concluíron que o falecemento se produciu entre 2017 e 2020 e que o cadáver, que tiña signos de violencia, é dun home de entre 30 e 40 anos, cunha altura de ao redor de 1,75 centímetros e de complexión forte. Ademais, segundo as investigacións levadas a cabo pola Garda Civil de Pontevedra, existe a posibilidade de que a vítima fose un cidadán portugués, tanto pola proximidade coa fronteira como polo feito de que se atoparon no seu poder moedas de euro acuñadas nese país.
A Unidade de Antropoloxía Forense do Imelga utilizou neste caso unha técnica que permite realizar unha aproximación do rostro da vítima a partir das estruturas óseas faciais. A través deste procedemento, coa colaboración dunha artista forense, os expertos xeraron un retrato e un vídeo co rostro do falecido, os cales non pretenden ser unha reprodución fiel da persoa, senón só unha aproximación do seu rostro, coa intención de contribuír á súa identificación.
No traballo de identificación tamén tivo un papel relevante o Instituto de Ciencias Forenses Luis Concheiro, da Universidade de Santiago de Compostela, que determinou que o falecido era de orixe europea e que tiña a pel branca, o pelo escuro e os ollos de cor mel.
Os expertos superpuxéronlle variantes de pelo (longo, curto, con barba, sen barba) ao retrato xerado por aproximación facial co obxectivo de que algunha persoa recoñeza o rostro e colabore na investigación, dirixida polo Xulgado de Instrución número 3 do Porriño e desenvolvida pola Garda Civil de Pontevedra. Ademais do retrato, acordouse difundir a fotografía dunhas chaves dun vehículo antigo marca Renault e dunha chave convencional localizadas xunto ao cadáver.
Se algunha persoa recoñece o rostro e/ou as chaves, se debe poñer en contacto coa Garda Civil de Pontevedra, a través do teléfono 600 461 444, habilitado para recibir información sobre este caso.