Van cumprir a súa 47 edición tras dous anos de parada polo Covid-19 e volven á programación deportiva da comarca con novidades. O Club de Atletismo Vila de Cangas celebrará este sábado 4 de decembro unha nova edición do Trofeo Concello de Cangas de Pedestrismo e farao con pequenas novidades.
A súa presidenta, María del Carmen Parada, explica que aínda que ultimamente os circuítos estaban a realizarse desde Aldán, dados os complexos trámites administrativos para solicitar os permisos oportunos, nesta ocasión decidiuse retomar a proba como se facía antigamente, no centro urbano. O escenario elixido, aínda que con diferentes distancias, é a contorna da estación de autobuses e da rotonda da Onda.
Como agasallos, os asistentes levarán unha camiseta, comida doada polo comercio local, unha cesta e varios lotes. Ademais de tres comidas en restaurantes, latas de conserva e outros agasallos.