O tripartito de Cangas (BNG-PSdeG-EU) levará ao pleno ordinario de setembro unha proposta de orzamentos municipais para 2023. Trátase do mesmo documento económico que en agosto de 2022 recibiu o voto en contra do PSdeG e do PP, BNG si os apoiou, cando Victoria Portas aínda era alcaldesa de Cangas. «Sería poñer un parche ao orzamento de 2023, unha solución técnica para facer fronte a unha serie de facturas e gastos pendentes», explica o portavoz do BNG, Oliver Álvarez, concelleiro responsable de Facenda e presente hoxe na xunta de portavoces que tivo lugar na Alcaldía previa á sesión plenaria que terá lugar o venres da semana que vén. «Nós dixemos que iamos poñer un orzamento rápido para solucionar un problema de facturas que quedan fóra de consignación», lembrou o nacionalista aludindo ás dificultades para manterse aínda cun orzamento Covid e tras a saída adiante que supuxo o hackeo informático en maio.
Con todo, para os partidos da oposición (PP-Alternativa dos Veciños) as formas non foron as correctas. Recibiron o borrador vía correo electrónico fai tan só cinco días pero en ningún momento citóuselles formalmente para iniciar unha negociación. Álvarez recoñece que desde o goberno «non fixemos moito trámite» e que se fixo «con apuro» pero adianta que «se abrirá unha negociación co resto de forzas para elaborar o orzamento para 2024».
O tripartito só ten nove dos dez votos que necesita e é consciente de que para poder aprobar o venres o orzamento úrxelle dun voto máis, en alusión ao apoio de AV de Victoria Portas, quen hoxe non interveu na Xunta de Portavoces e quen dixo a Morrazo Noticias que será a asemblea de AV quen valorará «o que se nos presenta para despois pronunciarnos en pleno».
Pola súa parte, o PP tamén está molesto pola falta de diálogo co principal partido da oposición e mañá ten previsto tratar o asunto na súa reunión de mañá martes. De entrada pregúntanse porqué o goberno non paga as facturas pendentes cun Recoñecemento Extraxudicial de Crédito (REC).