A nova infraestrutura, planificada dende 2018, segue pendente da cesión dos terreos por parte do Concello
O xerente da Área Sanitaria de Vigo, Francisco Javier Puente Prieto, e a nova alcaldesa de Cangas, Araceli Gestido, mantiveron unha reunión esta mañá no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo na que o responsable da sanidade viguesa solicitou á mandataria municipal a cesión pendente dos terreos que permitan a construción no municipio dun novo Centro Integral de Saúde (CIS).
Segundo explica Sanidade, esta iniciativa, formulada pola Xunta hai xa cinco anos, «aínda non puido ser materializada debido á falta de colaboración dos sucesivos gobernos locais na cesión á administraciónautonómica dos 4.900 m2 de terreo precisos para a súa edificación».
Con tal motivo, Puente reiterou esta demanda ao novo goberno municipal para poder dar unha resposta definitiva á cidadanía de Cangas ao respecto desta nova infraestrutura sanitaria que precisa. Ao finalizar o encontro, o xerente mostrouse confiado en que a alcaldesa de Cangas poda mudar a postura mantida polo anterior goberno local e opte colaborar neste proxecto.
Acumulación de atrasos
O proxecto da construción deste novo CIS en Cangas parte do Estudo de Necesidades Sanitarias para Cangas e Moaña, un documento elaborado en 2018 e que contou coa participación de todos os profesionais das estruturas sanitarias implicadas, así como coas administracións locais, asociacións de pacientes e de usuarios. Neste plan, contemplábase a creación dun Centro Integral de Saúde, emprazado na zona canguesa da Rúa, con urxencias de atención primaria con consultas, salas de observación, radioloxía dixital, laboratorio, telemedicina e unha base do 061.
O seu plan funcional contemplaba tamén, unha área integral de rehabilitación con consultas de fisioterapia, cabinas de tratamento, ximnasio e unha sala para rehabilitación cardíaca. Así mesmo incluíanse áreas de odontoloxía e súde bucodental, de saúde mental, de atención á muller ou de farmacia e espazos para o servizo de Hospitalización a Domicilio ou para a prestación doutras especialidades médicas.
«Este proxecto non puido ser levado adiante pola falta de resposta do Concello de Cangas á cesión dos pertinentes terreos, aínda que se seguiron producindo encontros e contactos co fin de chegar a unha solución; un dos máis recentes, a remisión ao concello o 8 de febreiro pasado dun novo Plan Funcional, no que se detallaban aínda máis melloras, como a posibilidade de integrar no CIS unha unidade de hemodiálise con capacidade para 32 pacientes, que evitaría moitos desprazamentos á poboación do Morrazo», explicou.