Este verán Moaña será a sede do 15º Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia (15EETG). Entre os días 5 e 8 de agosto, a vila morracense será a capital da grande festa do mar, con actividades de navegación e un amplo programa en terra, con 100 embarcacións convidadas de Galicia, Asturias, Cantabria, Canarias e Cataluña. A organización quere que a veciñanzas participe, ben desfrutando do evento ou vivindo desde dentro como persoas voluntarias.

Mañá venres 2 de xullo, ás 20 horas, celebrarase no Salón de Plenos do Concello de Moaña a I Xuntanza de Voluntariado. A reunión ten como obxectivo “ir contándovos como vai ser o evento”. As persoas interesadas tamén poderán anotarse alí mesmo. Se non lles fose posible asistir, tamén está operativo un formulario de inscrición ou entrando directamente na web do evento.

Serán precisos arredor dun cento de voluntarios e voluntarias para colaborar nas tarefas que se levarán a cabo tanto no mar coma en terra. Poderá inscribirse calquera persoa de 16 ou máis. Os menores de idade, deberán presentar un documento co consentimento dun proxenitor ou titor legal.

As actividades realizadas polo voluntariado son múltiples e variadas:

Colaboración co comité organizador nos traballos de organización previos ao evento, montaxe e desmontaxe de exposicións, engalanamento da vila con motivos tradicionais e mariñeiros, atención de espazos expositivos e información ao público, servizo de cociña e camareiros na manutención diaria das tripulacións participantes, colaboración cos animadores nas actividades de rúa (xogos, bautismos náuticos, teatro…), axuda ás embarcacións na chegada e baixada ao mar, apoio ás tripulacións no mar (é recomendábel ter o título de PER e experiencia), etc.

O voluntariado estará cuberto por un seguro de accidentes e responsabilidade civil concertado por Culturmar, unha das entidades organizadoras xunto co Concello de Moaña e a Asociación Recreativa Cultural Sueste. Ademais, recibirán equipamento identificativo, acreditación e material de continxencia fronte á Covid19, se fose necesario, así como a manutención na carpa mariñeira na súa quenda de colaboración. O voluntariado terá unha sesión informativa previa e recibirán un certificado acreditativo da súa participación.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *