A alcaldesa, María Ramallo, e a concelleira de Medio Ambiente, mantiveron unha reunión de coordinación cos técnicos municipais e con Augas de Galicia, da Xunta, encargados desta execución.
A alcaldesa de Marín, María Ramallo, e a concelleira de Medio Ambiente, Marián Sanmartín, mantiveron hoxe unha reunión de seguemento das obras de renovación do colector e recuperación medioambiental do Río Lameira xunto cos técnicos municipais, os responsables da execución da obra e representantes de Augas de Galicia.
Durante o encontro púxose en valor o importante avance dos traballos executados ata o momento nunha actuación estratéxica para a mellora ambiental e urbana desta contorna de Marín.
Entre as actuacións xa realizadas destaca que xa está totalmente retirado o antigo colector do cauce do río e está en funcionamento o novo, con todas as canalizacións e acometidas rematadas, e que discorre por baixo da senda peonil creada, un itinerario verde, continuo e de alto valor ambiental de case 2 quilómetros de percorrido, que une Coirados co centro urbano, á altura de Ponte Zapal. Ademais, solucionáronse os problemas de evacuación de pluviais existentes na PO-551, unha das cuestións prioritarias do proxecto.
Na actualidade, os traballos céntranse na recuperación e limpeza do cauce do Río Lameira, retirando os restos de formigón e materiais plásticos que permanecían no leito fluvial da etapa anterior, continuando así coa aposta pola renaturalización deste espazo. Segundo o calendario previsto, durante o mes de xuño quedará finalizada a senda peonil e continuarase traballando na integración e renaturalización da contorna do tanque de tormentas, así como na mellora do deseño da zona de skate e do pump track previstos neste ámbito.

