A concelleira de Festas, Marián Sanmartín, presentou o cartel e a programación completa xunto a representantes da organización nun evento que converterá Marín nun punto de encontro da samba, a batucada e o espírito do Brasil
A Finca de Briz será escenario os días 29, 30 e 31 de maio dunha nova edición do Axé Bahía Fest, unha cita cultural e festiva que reunirá música en directo, obradoiros, espectáculos de danza, capoeira e sesións DJ nun ambiente inspirado na tradición e na alegría brasileira.
A presentación do evento tivo lugar na propia Finca de Briz coa participación da concelleira de Festas, Marián Sanmartín, e representantes da Batucada Axé Bahía, organizadora do festival, que deron a coñecer o cartel e a
programación completa do evento.
A edil destacou a importancia deste tipo de iniciativas para dinamizar a actividade cultural e turística do municipio. “O Axé Bahía Fest xa é unha cita consolidada no calendario festivo de Marín neste mes e que ten un dobre valor: a atracción que supón para moitas persoas, que veñen pasar a fin de semana a Marín, pero tamén o achegamento á cultura brasileira, para coñecer outras costumes e tradicións que nos enriquecen”, sinalou Marián Sanmartín durante a presentación. A programación arrancará o venres 29 de maio cunha tarde dedicada á formación e á música electrónica. Entre as 19.00 e as 20.00 horas celebrarase o obradoiro de levantamento e malabares impartido por Eider. A continuación, de 20.00 a 21.00 horas, terá lugar unha sesión de danza con instrumento, tamén a cargo de Eider. A xornada pecharase cunha gran sesión DJ desde as 21.00 ata as 02.00 horas con DJ Mega e DJ Sü.
O sábado 30 de maio será o día con maior intensidade de actividades, comezando ás 10.00 horas cun taller de samba reggae dirixido por Geraldo, que continuará nunha segunda parte entre as 12.10 e as 13.40 horas. Ás 11.35 horas desenvolverase unha sesión vermú acompañada dunha mostra de proba de son. Xa pola tarde, ás 13.45 horas, realizarase a proba de son da Banda Axé Bahía Tambores, acompañada dunha comida popular. A programación continuará ás 15.30 horas coa actuación da Escola Axé Bahía; ás 16.00 horas será a quenda da Batucada Rebumbio; ás 16.40 horas actuará a Asociación CapoeirArte e ás 17.30 horas a Batucada Radical.
O espectáculo seguirá ás 18.10 horas co show de danza Getting Jiggy e ás 18.45 horas coa actuación da Batucada Axé Bahía Tambores. Xa na noite, ás 19.25 horas, subirase ao escenario a Banda Pagodiu, mentres que Jorge Álvarez ofrecerá o seu
concerto entre as 21.00 e as 23.00 horas. A partir desa hora actuará novamente a Banda Axé Bahía Tambores e a festa continuará ata a madrugada con O Jack & DJ Ray Ballack e posteriormente DJ Jorge Álvarez ata as 03.00 horas.
O festival concluirá o domingo 31 de maio cun gran pasarrúas entre as 11.30 e as 12.30 horas protagonizado por Geraldo Marques xunto ao Multibloco, nun arrastrón musical que percorrerá a contorna da Finca de Briz levando o espírito da batucada e da música brasileira ás rúas.

